Denuncian a destrución de petróglifos nas obras dun parque eólico en Moraña

O Seprona balizou este domingo un petróglifo non declarado nas obras do polígono eólico Acibal, en Moraña. (Foto: Amil sen Eólicos)

A plataforma veciñal Amil sen Eólicos constantou a existencia de petróglifos non declarados nos proxectos dos polígonos eólicos.

En Amil, unha aldea do Concello de Moraña (comarca de Caldas), está prevista a instalación de tres polígonos eólicos: Acibal, Anduriña e Zudreiro.

Acibal leva catro muíños e xa está en construción. Anduriña terá nove muíños arredor do Pastizal (onde se celebra a Baixa das Bestas o segundo domingo de xullo de cada ano, unha festa similar á Rapa de Sabucedo).

Localización dos polígonos eólicos proxectados en Amil, Moraña. (Foto: Amil sen Eólicos)

Zudreiro, un proxecto que está aínda en fase de alegacións, prevé ter cinco muíños e situarase no monte que linda con Campo Lameiro, a “capital da arte rupestre” polo que “é probábel que nese monte tamén haxa numerosos petróglifos, de feito está perto do Castro de Penalba”, afirman integrantes da plataforma veciñal Amil sen Eólicos a Nós Diario.

“Anduriña e Zudreiro aínda se poden parar, existen motivos para facelo. Porén, con Acibal témolo moi difícil”, declaran desde Amil sen Eólicos.

Petróglifos non balizados

O día 19 de marzo a plataforma realizou unha andaina para “ver por última vez o monte ‘virxe’” antes de que comezasen as obras de Acibal, un polígono eólico promovido pola empresa Norvento. “Cal foi a nosa sorpresa? Un petróglifo, situado nunha zona de obras e do que o arqueólogo asignado pola empresa ao proxecto non dera parte”, sinalan a Nós Diario.

De novo, este domingo, 2 de abril, Amil sen Eólicos volveu saír ao monte “para ver a paisaxe que van arrasar. E atopamos un petróglifo sen balizar”, afirman. “Isto é un posíbel espolio. Non temos garantías de que, no transcurso das obras, atoparan máis petróglifos e os obviaran dándolle a volta á pedra para non ter que paralizar as obras”, din desde a plataforma.

Na mañá desde domingo, Amil sen Eólicos atopou un petróglifo, na explanada onde Norvento construirá a subestación eléctrica do polígono. “Isto é completamente ilegal”, sentencian. As veciñas e veciños presentes no lugar reclamaron a presenza do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) para que balizara o petróglifo. “Sería interesante que esta segunda feira as obras do polígono non puidesen continuar por este motivo”, afirman.

Petróglifo atopado este domingo pola plataforma Amil sen Eólicos.

“Cremos que o arqueólogo –que ten a obrigación de estar a pé de obra mentres se leva a cabo a obra—, cando atopa un novo petróglifo, mándalles aos operarios rascar a pedra ou darlle a volta. É unha sensación que temos, porque hai pedras que si vemos, pero outras que xa están movidas polos traballos de construción xa non se poden comprobar”, auguran desde a plataforma.

O monte Acibal fai ángulo recto co monte que linda con Campo Lameiro e ten vistas ao mar, polo que, segundo os expertos, é “lóxico” que neste punto aparezan novas mostras de arte rupestre: puntos moi altos onde os habitantes da zona durante a Idade do Bronce puideron ter construído os seus altares.

Chamamento á mobilización veciñal

Desde a plataforma veciñal Amil sen Eólicos afirman que tanto o Concello de Moraña como a Xunta da Galiza, a través de Patrimonio, teñen coñecemento das prácticas de Norvento na construción do parque eólico Acibal. “Fomos as veciñas e os veciños os que demos parte de que isto estaba a acontecer, sen que ningunha Administración fixese nada por paralo”, afirman. “E é a propia veciñanza a que se ten que mobilizar para impedir que isto continúe a acontecer”, engaden.