Denuncian a distribución horaria en bacharelato por "obrigar" o estudantado a se matricular en relixión

InfoVaticana

CIG-Ensino e a Confederación de Anpas Galegas exixen que a Xunta mude a lei. 

O currículo escolar de Bacharelato, após a entrada en vigor da LOMCE, fixa a distribución horaria das materias específicas e de libre configuración entre as que deberá elixir o estudantado. Neste senso, CIG-Ensino e a Confederación de Anpas galegas denuncian que a relixión católica "pasa a ter o mesmo valor académico que as demais". E é que hai alumnado que se está a ver "obrigado a matricularse en relixión en contra da súa vontade, dado que, segundo a actual normativa, o alumnado de 1º de Bacharelato debe cursar dúas materias troncais de opción e un mínimo de dúas e un máximo de tres específicas, entre as que está a de relixión cunha carga horaria dunha hora", explican ambas as dúas organizacións. 

A distribución horaria aboca estudantes a elixir relixión para cumprir co mínimo exixido

"Os períodos lectivos asignados ás materias específicas e de libre configuración son seis en 1º de Bacharelato, polo que, tendo en conta que ten que cursar un mínimo de dúas materias e un máximo de tres nas específicas, o alumnado tería que escoller entre as seguintes opcións:
a)    Materias específicas (2 ou 3 cunha carga horaria de 2 horas, 3 horas, 4 horas ou de 1 hora (relixión), b)    Materias de libre configuración autonómica (todas cunha carga horaria de 2 horas), c)    Materias de libre configuración do centro (carga horaria de 1 ou 2 horas)", explican. 

Neste senso, reclamaron á Consellaría de Educación que mude "con tempo" a lexislación actual para facer "prevalecer a aconfesionalide e o dereito do alumnado a poder escoller a materia que mellor se axuste ao seu itinerario formativo, sen estar obrigado, directa ou indirectamente, a matricularse en relixión se non o desexa". 

Así, para alén do escrito remitido ao conselleiro, Román Rodríguez, levarán á Mesa Sectorial do 7 de xuño a proposta.