Denuncian a importante afluencia de xente ás cafetarías da Xunta

O empresariado nunha protesta diante de instalacións da Xunta. (Foto: Europa Press)
A Administración galega permite manter abertos estes espazos en centros de traballo, como así se indica na norma, pero nas redes sociais hai xente que está a amosar o seu malestar polas diferenzas marcadas polo Goberno galego.

Mentres a hostalaría clama pedindo axudas á Administración en todos os puntos do país, especialmente nas cidades porque son as que están a padecer agora os fechamentos obrigados, cafetarías de lugares de traballo como a Xunta ou o Parlamento seguen a funcionar case con normalidade.

Se ben é certo que o propio Goberno galego puntualizou na súa orde de medidas de seguridade que estes espazos poderían ficar abertos para dar servizo ás e aos traballadores, hai xente que comeza a amosar o seu malestar a través das redes sociais.

A que máis polémica crea é a decisión de manter a atención ao público nos locais inseridos en edificios da Administración pública galega.

Nalgunhas imaxes distribuídas por internet por usuarias e usuarios anónimos, vese que as mesas si están distribuídas con distancia pero que moita da clientela non cumpre coas mínimas normas de comportamento nunha situación de pandemia.

Por exemplo, pódense ver grupos de seis ou máis persoas, que probabelmente non sexan convivintes tomando algo e charlando animadamente. Por iso, nalgunhas mensaxes se protesta contra a medida de impoñer o fechamento ao resto da hostalaría mentres hai permisividade noutros ámbitos.

E tamén se pon en dúbida a medida de limitar a convivencia entre xente que non viva xunta para reducir os riscos de contaxio. De feito, hai quen tamén advirte a través das redes de que os bares dos centros hospitalarios non teñen un control tan exhaustivo como deberían.

Malia que a Xunta tamén falou de grupos burbulla nas áreas laborais para puntualizar a súa orde, non deixa de ser significativo que as diferenzas sexan tan grandes entre o que se permite facer a unha hostalaría que da servizo ao Goberno galego, á comunidade política e ao funcionariado e outra que llo da á cidadanía en xeral.

“Semella que a hostalaría si é esencial para eles”, comenta unha persoa nas redes. E así reflexa o sentir de moitas empresarias e empresarios, e mesmo a poboación, polas perdas que carreta o sector.