Denuncian un "novo intento" para reabrir a mina de Touro e que a Xunta "ocultou" o proxecto

A vecinanza de Touro denunciou o pasado mes de outono a calidade das augas que rodean a antiga mina.
Más dun centenar de colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar e sindicais  afirman que Atalaia Mining e a súa filial Cobre San Rafael volven pór riba da mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago.

Un cento de colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar e sindicais mostran o seu rexeitamento ao "novo intento" de Atalaia Mining de "forzar a aprobación de apertura" da mina de Touro (comarca de Arzúa) ante os seus "impactos ambientais inasumíbeis", ademais de censurar que "a Xunta da Galiza ocultara", por "fins electorais", que se tramita "como proxecto industrial estratéxico".

Nun comunicado, advirten de que "o novo proxecto de explotación e estudo de impacto ambiental, presentados o 23 de xaneiro deste ano, semanas an-tes das eleccións, é unha copia barata do tombado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla".

"Lonxe de emendar o proxecto anterior, Atalaia Mining e a súa filial Cobre San Rafael volven pór riba da mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago”, afirman.  O depósito de residuos, aseguran, está a menos de 500 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación “sería aniquilada en caso dun accidente”, aseguran.

Segundo os colectivos asinantes, "o único que cambiou no últimos catro anos foi a cantidade de diñeiro investido pola mineira en propaganda e campañas de desinformación sobre a realidade do proxecto, que ocuparía máis de 800 hectáreas".

Nesta liña, inciden en que a declaración como proxecto estratéxico "suporía reducir á metade os prazos da tramitación, a non suxeición aos títulos habilitantes urbanísticos, a declaración de interese social a efectos expropiatorios e a concesión de subvencións sen concorrencia competitiva, co que se pretende unha tramitación exprés que impida a participación pública".

Por todo iso, anuncian unha mobilización masiva para "impedir a fraude que supón declarar como proxecto industrial estratéxico unha proposta que xa foi declarada ambientalmente inviable".

Por parte de Cobre San Rafael trasládase a Europa Press que, "como vén anunciando", traballa "nun novo proxecto para reactivar a produción de cobre na antiga mina de Touro máis innovador e máis verde, que vai converter Galiza nun referente mundial en minaría sostíbel".

Rueda e os técnicos

A preguntas da prensa após o Consello da Xunta, Alfonso Rueda  limitouse a sinalar que os técnicos analizarán o proxecto, "e se ten viabilidade, daráselle para adiante; e se non, non".