Denuncian a “pasividade” do Concello de Sanxenxo ante o “mal estado” da auga en areais

Praia da Carabuxeira (Foto: Turismo de Galicia)

Usuarias da praia da Carabuxeira afirman que as analíticas da Xunta apuntan presenza de bacterias como a E. Coli

A plataforma Carabuxeria Xa denuncia o que cualifica como “pasividade” do Concello de Sanxenxo (comarca do Salnés) ante a situación que, afirman, se dá nas praias deste areal.

Indican desde esta plataforma que a Xunta realiza dúas analíticas mensuais nas augas para comprobar a súa calidade. “A día de hoxe volve estar mal, con E. Coli, Clostridium...”, afirman, mais desde o Concello  non se puxo ningunha indicación ou advertencia a este respecto, critican. “É inconcebíbel”.

A plataforma insta o Concello a que cada vez que se lle notifique esta situación nas augas da praia “o notifique” mediante avisos ou notas na zona para que as usuarias o saiban.

Hai 25 anos que se iniciou a obra de ampliación do Porto Deportivo de Sanxenxo. A plataforma Carabuxeira Xa! Denunciou tamén estes días que esta actuación creou un "desastre ecolóxico que perdura nas praias urbanas da Carabuxeira e Lavapanos".

Así, culpan a varias institucións diso: a Portos da Galiza, Augas de Galiza, Concello de Sanxenxo, Parlamento...

Por iso, denuncian que nas dúas praias hai falta de mantemento. "Na Carabuxeira ademais de dúas verteduras directas da rede de sumidoiros sobre a area existe outro regacho que arrastra contaminación", destacan. "Hai muros caendo, accesos á praia que non cumpren as mínimas normas de seguridade...", mencionan.