Ensino

Denuncian unha profesora dun colexio de Bueu por supostamente atar a dúas nenas "por darse bicos na boca"

CEIP Montemogos, en Bueu. (Foto: Google)
Ao tratarse de dúas crianzas de só tres anos, o caso está en mans da Fiscalía de menores.

Unha profesora do CEIP Plurilingüe Montemogos de Bueu, na comarca do Morrazo, vén de ser denunciada pola familia dunha nena de tres anos de idade á que supostamente atou, igual que a outra compañeira da aula, por supostamente darse bicos na boca.

Segundo fontes coñecedoras da investigación citadas pola axencia Europa Press, os proxenitores dunha das menores decidiron presentar nas últimas horas a denuncia diante da Garda Civil, a pesar de que o incidente sucedería meses atrás. Ao tratarse de dúas crianzas, a Benemérita trasladou a denuncia á Fiscalía de menores, que xa investiga o asunto.

Fontes da Consellaría de Educación consultadas por Nós Diario sinalan que o departamento que dirixe Román Rodríguez está "a disposición para colaborar con todo o que se lle requira sobre este asunto" no tocante á investigación aberta polas autoridades.

Aliás, as mesmas fontes precisan que a Inspección Educativa está facendo seguemento do asunto "en contacto directo co centro educativo" para tomar as decisións "que correspondan" a respecto da docente denunciada.