Denuncian a realización de prospeccións mineiras que ameazan o túnel romano de Montefurado

Obras de prospección dunha canteira de lousa en Quiroga. (Foto: Asociación Cultural Montefurado)

A Xunta da Galiza autorizou a examinación de terreos a 900 metros da obra romana.  

A Asociación Cultural Montefurado, en Quiroga (comarca homónima), vén de denunciar a posíbel reactivación dun proxecto de explotación de lousa que hai 12 anos mobilizou a comarca para salvar o túnel romano de Montefurado.

No ano 2012 houbo “moita mobilización contra un proxecto para facer unha canteira aquí”, explica a Nós Diario Pepe Ogando, integrante desta asociación. Coincidiu, na altura, coa infrutuosa candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade, aclara Ogando, e tamén coa proposta de identificar o histórico túnel —utilizado polos romanos para a extracción de ouro que arrastraba o río Sil— como Ben de Interese Cultural.

Daquela, e grazas á oposición veciñal e ás protestas que protagonizaron, o proxecto ficou en auga de castañas, mais 12 anos despois a Asociación Cultural Montefurado confirma o desprazamento de maquinaria e a apertura de pistas nun monte que está a “900 metros escasos do conxunto que forman o meandro e o túnel de Montefurado”.

Segundo confirmou o alcalde, o independente José Luís Ribeira, en declaracións aos medios de comunicación, a empresa dispón da autorización da Xunta da Galiza para realizar uns traballos que, de momento, consisten nunhas prospeccións.

“O presidente da comunidade de montes, que é a titular dos terreos, está a favor da construción da mina, segundo puidemos saber”, explica Ogando. “E hai veciñas e veciños de Quiroga que tamén están a favor, porque, en teoría, suporía crear postos de traballo”, engade, para aclarar que a empresa “prometeu” xerar dez postos de traballo.

“Pero mirándoo con perspectiva, isto supón a destrución dun patrimonio cultural que herdamos dos nosos antepasados e que incluso pode ser un valor prioritario para a nova candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”, conclúe Ogando.