Denuncian a "retención" de ambulancias en Pontevedra

Un profesional sanitario baixa dunha ambulancia un paciente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A asociación Defensor do Paciente demandou a intervención do fiscal xefe de Pontevedra ante o que considera un "atentado" contra as persoas que necesitan asistencia sanitaria urxente. Refírese así este colectivo á nova normativa do CHOP que "retén" as ambulancias á entrada do servizo de Urxencias.

No pasado mes de xullo, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, preguntado por Nós Diario a respecto do feche de camas hospitalarias e da falta de medios e de persoal, auguraba un verán "complicado" na sanidade pública galega. Un par de semanas despois, o titular do Executivo galego desdicíase afirmando que as medidas "excepcionais" adoptadas pola Consellaría de Sanidade para facer fronte a esta situación estival estaban "a dar un bo resultado" e "funcionando con normalidade"

Con todo, pacientes, persoas usuarias e sindicatos semellan discrepar coa valoración do alto mandatario galego, con denuncias da saturación de centros sanitarios e hospitalarios que se repiten día tras día.

Esta sexta feira, a asociación Defensor do Paciente solicitou a intervención do fiscal xefe de Pontevedra, Pablo Varela, ante a nova normativa instaurada pola Dirección de Urxencias e a Xerencia da área sanitaria: a "retención de ambulancias" no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), do cal forman parte o pontevedrés Hospital Montecelo e o Hospital do Salnés, entre outros.

"Todo paciente non crítico deberá esperar paso á sala de triaxe antes desta porta até ser avisado, incluíndo pacientes traídos polos servizos de emerxencias", explica un cartel situado na entrada a Urxencias do Hospital Montecelo.

Así, segundo esta asociación, e tal e como denunciaron desde a CIG-Saúde esta mesma semana, o persoal de Emerxencias Sanitarias ten que agardar pola triaxe das doentes que chegan nunha Unidade de Soporte Vital Básico (USVG), cuns tempos de espera que van "desde 15 minutos a máis de unha hora". No caso do Montecelo, neste período de agarda, as ambulancias non poden saír a facer un novo servizo, ficando "retidas" por esta nova norma. Na mesma liña, no que respecta ao Hospital do Salnés, o transporte sanitario debe agardar pola falta de padiolas, nalgúns casos, ou por non haber boxes dispoñíbeis para as pacientes. 

A asociación considera que a decisión de Sanidade supón un delito recollido no Código Penal como "abuso de poder". 

"É un atentado contra as persoas que necesitan asistencia urxente, que non deben pasar nin por triaxe, como as persoas maiores enviadas desde as residencias, pacientes cunha situación sanitaria pola que non deberían estar retidas", valora Carmen Flores, presidenta de Defensor do Paciente.

Na mesma liña manifestouse a CIG, que considera que, nunha temporada na que a poboación aumenta até triplicarse en época estival, "non se pode permitir que os vehículos de Emerxencia, cada vez máis saturados e demandados, estean parados no hospital por unhas normas absurdas e sen ningún tipo de criterio". 

"É incríbel o que está pasando na Galiza coa sanidade pública, sanidade que está a sufrir serios recortes nos dereitos que supoñen non ser atendidas con decencia", lamenta Flores.