Denuncian por suposta prevaricación ambiental tres directores xerais e funcionarios da Xunta pola mina de feldespato de Muras

Margarida Prieto e Joám Evans. (Foto: SLG)
A Fundación Montescola e o Sindicato Labrego Galego (SLG) piden "responsabilidades penais" após anular o TSXG a autorización do Goberno galego.

A Fundación Montescola e o Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciarán ante Fiscalía tres directores xerais de Minas por suposta prevaricación ambiental na tramitación dunha explotación en Muras (A Terra Chá).

Segundo informaron esta quinta feira, xusto despois de que transcendese a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anula a autorización mineira outorgada á empresa promotora, Materiais Cerámicos Materias Primas, S.L., por parte de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

En rolda de prensa, a representante do SLG Margarida Prieto destacou que o fallo xudicial "fai fincapé en que os dereitos se tiñan que declarar caducados", posto que "nunca se solicitou a súa consolidación". Por iso, "transmitíronse de forma ilegal".

Xunto a ela, Joám Evans, director da Fundación Montescola, criticou que é "práctica habitual da Xunta perpetuar dereitos mineiros como favor ás empresas para que en calquera momento se poida reactivar unha actividade mineira".

"Tenlles que saír caro"

Segundo advertiu Evans, "este tipo de favores tenlles que saír caro" aos "responsábeis", de aí a denuncia ante Fiscalía que estas organizacións teñen ultimada e presentarán nos próximos días en Santiago.

Prieto censurou que, no caso de Muras, tamén houbo "obstáculos para acceder á información", posto que varios colectivos pediron coñecer o expediente mais tiveron que acudir á Valedora do Pobo dado o arquivo e a paralización "sen razón". "Mentres, estaban a prepararse todas estas irregularidades", considerou.

Pola súa parte, Evans falou do "carácter sistémico da corrupción que envolve toda a tramitación de proxectos mineiros" na Galiza, por cuestións que afectan a "practicamente todos os proxectos de minerais".

Impacto ambiental

Así, citou Corcoesto, San Finx e A Penouta, entre outros, e referiuse á "avalancha de pronunciamentos xudiciais que fan que non vaian adiante". O de Muras, profundou, é "un caso máis en que a sociedade civil desde o inicio viña advertindo de que o que estaba a facer a Xunta era ilegal", posto que "pretendía autorizar unha mina ao descuberto en plena reserva da biosfera", cun "impacto evidente" e "sen avaliación de impacto ambiental".

Ademais da "tentativa de furtar á poboación a posibilidade de participar na toma de decisións que afectan ao medio ambiente", o director de Montescola expuxo que "o método foi alegar que unha mina que deixara de funcionar a finais dos 70 nunca interrompera a súa actividade" e que o que se facía agora "era renovar". "Foi a forma en que se materializou esta presunta corrupción", incidiu.

A respecto disto, asegurou Evans que "había informes de funcionarios que dicían que non se podía autorizar máis que o recoñecemento da caducidade", pero a Xunta "ignorou esa advertencia".

Agora queren que se depuren "responsabilidades penais". Neste sentido, as súas entidades porán o foco "nas irregularidades" e a "corrupción" a través de "informes que foron ignorados". Levarán os feitos ante Fiscalía sinalando os últimos tres directores xerais de Minas e tamén funcionarios por suposta falsidade documental.