Denuncian unha "desfeita ambiental" nas marxes do río Barbaña ao seu paso por Ourense

Ecoloxistas en Acción denuncia grandes estragos no patrimonio natural.
A corta "indiscriminada" acabou con varias especies e afectou ao hábitat da fauna fluvial.

Ecoloxistas en Acción vén de denunicar o Concello de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e o Seprona polas actuacións ecolóxicas que levaron á destrución da biodiversidade do río Barbaña ao seu paso pola cidade das Burgas.

Segundo detalla nun comunicado dirixido aos medios, trátase dunha "deforestación indiscriminada da vexetación ripícola dun tramo fluvial" que supuxo a corta de varias especies e a "trituración de miles de arboriñas e plantas ornamentais (cipreses, Juniperus oxycedrus, salgueiros, Cotoneaster, Pyracanthas, Nandina domestica, Berberis, bolas de neve, Spiraeas) sen observar as limitacións impostas xuridicamente.

Durante a talla realizada, censuran "deixaron abundantes restos de árbores e restos vexetais no propio leito do río. Ademais, realizouse unha corta a nivel de chan, destruíndo a vexetación a ambas marxes cos prexuízos que supón para a fauna ligada ao ecosistema fluvial".

Denuncia pública

A asociación Ecoloxistas en Acción, xunto a outros colectivos da cidade, fixeron unha denuncia pública na ponte de Ervedelo ao seu paso polo río Barbaña. Fixérona coincidire co día da Constitución, "a lei de leis, que establece no seu artigo 45 o deber e os dereitos dos poderes públicos e da cidadanía de velar por un medio ambiente axeitado. As premisas constitucionais, respecto ao medio ambiente, son reiteradamente incumpridas pola Administración local coas podas inxustificadas de árbores, co abandono dos espazos verdes, coa falta de limpeza de residuos do río e pola mal chamada 'limpeza de maleza' do Barbaña".

Desde o movemento ambientalistas salientan que "existe un descoñecemento sobre a necesidade de preservar a flora das canles dos ríos urrbanos" esolicitan "a derogación da ordenanza municipal de limpeza de terreos e solares" por resultar obsoleta e que non ten en conta o que son as condicións óptimas para o río, flora e fauna.

"Estamos elaborando un proxecto de renaturalización do río Barbaña pero é preciso que a CHMS dea por finalizado correctamente o saneamento da EDAR de San Cibrao xa que se as augas do río están sometidas a vertidos contaminantes, non será posible executar o proxecto de renaturalización que financia a Fundación Biodiversidade", conclúen desde Ecoloxistas en Acción.