As denuncias evidencian o mal estado do patrimonio

O teatro Renacemento 'Rena' en Ferrol na actualidade (Foto: Hispania Nostra).
A implicación veciñal é imprescindíbel para pór en evidencia o deterioro do patrimonio galego. Cada vez son máis as denuncias que chegan de particulares sobre elementos que contan, no papel, coa protección das Administracións e que están en perigo de desaparición.

É difícil agora mesmo contabilizar de maneira oficial o número de denuncias e a cantidade de casos que chegaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural segundo fontes da Consellaría de Cultura, Educación e Universidades. Son algunhas entidades e colectivos consultadas por Nós Diario as que achegan algúns datos da situación.

É o caso do proxecto patrimoniogalego.net que desde 2011 catalogou na súa 'lista vermella' 120 bens culturais en perigo inminente de desaparición coas denuncias realizadas pola poboación. Outra organización, Hispania Nostra, recolle denuncias a nivel estatal e na súa propia 'lista vermella' a Galiza figura con 63 elementos patrimoniais, a maior parte arquitectónicos, en mal estado. Na última actualización, esta mesma semana, incluían nela o teatro Renacemento 'Rena' de Ferrol, un edificio de 1919. 

O presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto, explica a Nós Diario a dificultade de ter datos dos casos actuais "pola cantidade de denuncias que se realizan a diario desde moitos lugares e con distinta urxencia, ademais de ser un fenómeno dinámico". Engade que unha parte importante das queixas están relacionadas coa destrución de elementos arqueolóxicos nos montes e "cada vez hai máis casos relacionados coa busca de protagonismo nas redes sociais, realizándose selfies, como aconteceu hai pouco na muralla de Lugo".

Implicación popular

Persoas e colectivos locais certifican a implicación popular. Onte mesmo, o Colectivo na Defensa do Patrimonio A Forneiriña denunciaba "o estado no que se atopa a Torre de Bermúdez na Pobra do Caramiñal pola instalación da terraza dun bar que impide o acceso das persoas que visitan o museo" e desde Campo Lameiro chegaba a queixa por un vídeo do Portal da Lingua Galega, amparado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que se quitaba importancia ao feito de "remarcar" un petróglifo.

"A maior parte de denuncias son de particulares, hai moita implicación e tamén preocupación neste tema por parte da poboación", asegura a Nós Diario Ana Zarco, coordinadora da lista en Hispania Nostra. O perfil de denunciantes na Galiza e moi variado "e vai desde persoas sen coñecementos de patrimonio até profesorado universitario", indica Zarco.     

Desde visibilizar os casos até denunciar

No caso de Hispania Nostra, cando chegan os casos, a idea é "visibilizar" a situación do ben en perigo e informar ao concello correspondente. "Ás veces hai contestación e outras non, moitas veces explican que non teñen fondos para intervir", asegura Zarco.

Apatrigal vai máis alá e cando reciben unha denuncia póñena en coñecemento da Policía Nacional adscrita á comunidade autónoma da Galiza. "Observamos que é moito máis áxil a resposta, preséntanse no lugar e realizan fotografías para dar aviso a Patrimonio ou a Fiscalía", indica o seu presidente.