A Deputación da Coruña impulsa unha nova edición de 'Liberdade de ser e sentir' con motivo do Orgullo

Presentación da campaña 'Liberdade de ser e sentir'. (Foto: Nós Diario)
Obradoiros, teatro, material divulgativo e un punto de información son algunhas das actividades que se levarán a cabo a partir deste 28 de xuño.

Máis de 80 concellos participan na campaña de sensibilización impulsada pola Deputación da Coruña con motivo do Día Internacional do Orgullo e a diversidade sexual que se conmemora este 28 de xuño. A área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís vén de pór en marcha, por sétimo ano consecutivo, unha nova edición de 'Liberdade de ser e sentir', unha iniciativa "aberta a todos os concellos e entidades da provincia".

A campaña, explicou esta cuarta feira deputada Soledad Agra, acompañada de membros da asociación Alas A Coruña; o Colectivo CBV #ChamizoBelloVila e a produtora Mala Herba, inclúe actividades que se van estender "máis aló do 28 de xuño, xa que queremos poder sentirnos orgullosas de ser e sentir cada día do ano".

Presentacion da campaña 'Liberdade de ser e sentir'.

Faladoiros e obradoiros de sensibilización en diferentes concellos, unha obra de teatro que transita arredor da violencia que sofre o colectivo, material didáctico audiovisual e a instalación dun punto informativo na praza de Lugo da Coruña o 29 de xuño son algunhas das actividades que inclúe a campaña.

Contra a desinformación

Ademais, a Asociación pola Liberdade Afectiva Sexual Alas A Coruña impartirá talleres e charlas de sensibilización en dez municipios. O obxectivo, explicaron, é xerar "espazos seguros de debate e conversación fronte á desinformación e os discursos de odio, para desmitificar e romper prexuízos".

Ademais, contarán cun posto informativo na Coruña, na praza de Lugo, o sábado 29 de xuño de 11 a 15 horas, "onde estaremos a pe de rúa falando coa veciñanza, ofrecendo información a través de xogos e dinámicas participativas e, por suposto, repartindo diversidade e pluma", engadiron.

Teatro

A obra de teatro 'Menú do día', do Colectivo CBV #ChamizoBelloVila, contará con cinco representacións en diferentes espazos. Trátase dunha peza "que pon o foco nas violencias que sufrimos as persoas LGBT; un 'menú do día' que temos que comer si ou si", sinalou Alberte Bello. "É a nosa primeira creación e nace dun traballo en proceso". Revelándose desde a resiliencia nunha festa pola diversidade, esta obra pon de manifesto "de xeito transversal", que "estamos preparades para ser libres dunha vez por todas".

Materiais divulgativos

Ademais, a produtora Mala Herba vai "desmontar prexuízos", tal e como afirmaron, a través dunha serie de materiais e pezas audiovisuais que se repartirán entre os concellos adheridos e se poñerán a disposición de toda a cidadanía na páxina web da campaña seresentir.gal. "Queremos desmitificar bulos, e tamén falar de cousas máis cotiás, problemáticas que están á orde do día e que aínda sufrimos na actualidade".