A Deputación da Coruña liquida a Audasa o 100% do IBI da AP-9

Cabinas de peaxe na AP-9. (Foto: Audasa)
Fin a unha bonificación que se elevaba até 95%.

A área de Xestión Tributaria da Deputación da Coruña, tal e como anunciara a principios do presente ano 2024, liquidará este ano a Audasa -empresa concesionaria- o 100% do Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI) nos 18 concellos da área administrativa provincial polos que discorre a AP-9 e que teñen delegada a xestión e cobro dos seus tributos no ente. 

Foi o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, quen confirmou esta segunda feira a información nunha comparecencia pública. "Esta será a primeira vez que se liquidará 100% do IBI a Audasa nos concellos polos que pasa a AP-9 e que teñen delegada a xestión do imposto na Deputación, que son todos a excepción das cidades da Coruña, Ferrol e Santiago", engadiu. 

O máximo responsábel da institución indicou, a maiores, que "a fin da bonificación no Imposto sobre Bens Inmóbeis da Autopista do Atlántico implicará para estes 18 concellos pasar duns ingresos anuais de 189.000 euros a máis de 3,7 millóns de euros polo paso da autoestrada no seu territorio".

Formoso lembrou que os servizos tributarios da Deputación xa tiñan tomada esta decisión "de oficio, en virtude do Real Decreto 173/2000, que na súa cláusula vixésima estabelece no 19 de agosto de 2023 a fin do 95% de bonificación do que gozaba Audasa desde hai décadas" grazas a unha lei do ano 1972.

O maior beneficiado será Abegondo, que pasará a percibir preto de 600.000 euros cando antes recibía menos de 30.000, destacando tamén as cifras de Bergondo (de 15.175 a 303.502) e Padrón (de 18.341 a 366.828).