Desactivan un proxectil aéreo MK15 da Segunda Guerra Mundial en Mondariz

Proxectil aéreo atopado en Mondariz. (Foto: Garda Civil)
A forma de actuar ante o achado dalgún artefacto explosivo consiste en non tocar nin manipular o obxecto e avisar de inmediato a través do teléfono 062.

O equipo de especialistas EDEX do Servizo de Desactivación de Artefactos Explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra neutralizou unha bomba de aviación de uso militar atopada nunha vivenda de Mondariz (O Condado).

Segundo explicou a Garda Civil, o artefacto recollérono o pasado sábado cando foi localizado por un particular no patio interior dunha vivenda mentres realizaba labores de mudanza na casa.

Tras a comunicación do achado activouse o protocolo de actuación por parte dos EDEX para a retirada e neutralización do proxectil. As tarefas desenvolvéronse sen incidentes.

Desta forma, o equipo que acudiu á incidencia confirmou que é un proxectil aéreo, modelo MK15, proveniente da Segunda Guerra Mundial. A Garda Civil lembra que a forma de actuar ante o achado dalgún artefacto explosivo consiste en non tocar nin manipular o obxecto e avisar de inmediato a través do teléfono 062.