“Desaparecen” tres parroquias galegas

Cemiterio da parroquia de Soutomerille, onde xa non vive ninguén. (Foto: Nós Diario)

Na Galiza hai 3.792 parroquias civís, figuras que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Mais tres delas veñen de “desaparecer”.

Na Galiza hai 3.792 parroquias civís, figuras que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Mais esa cifra xa non se axusta á realidade, pois son 3.789 após tres delas 'desaparecer' ao ficar sen ningún habitante.

Soutomerille, no concello de Castroverde (comarca de Lugo); Rebordondo, en Monterrei (comarca de Verín); e Virxe do Camiño, en Pontevedra. Estas son tres parroquias galegas onde xa non vive ninguén. Cero habitantes, segundo as estatísticas do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Outras nove parroquias teñen xa menos de 10 veciños e veciñas. Así, na parroquia do Barón, no Concello de San Amaro (comarca do Carballiño); xa só hai dous habitantes. En Gueral, concello de Coles, Mezquita (A Merca),  Santoalla do Monte (Petín) e Fontao (A Teixeira) o número de veciños e veciñas é de tres en cada unha desas parroquias.

Na Alberguería (Vilar de Barrio), Vilar (Chandrexa de Queixa), Vimieiro (Castro Caldelas) e Seoane (As Pontes) hai catro habitantes en cada unha.

Galiza gañará só 3.617 habitantes de aquí ao ano 2039, pasando dos 2.693.649 galegos e galegas rexistradas neste 2024 a 2.697.266 dentro de 15 anos, segundo datos dos estudos de Proxección de Poboación e Proxección de Fogares publicados polo INE en xuño, que indican que o fogar medio do país pasará de estar integrado por 2,4 persoas a 2,16.

A pesar de que a poboación no conxunto do Estado español medrará 11,5%, até superar os 53,7 millóns de habitantes, o número de persoas residindo na Galiza só aumentará por volta de 0,13%, unha porcentaxe practicamente imperceptíbel, durante ese mesmo período.

En concreto, aínda que a tendencia dos próximos anos será de descenso de poboación na Galiza, nos últimos anos analizados dos próximos tres lustros o noso país gañará habitantes. Serán as persoas estranxeiras nadas fóra do Estado español as que contribuirán maiormente a este incremento.