Desaparecido nas Galápagos un biólogo galego-venezolano por un naufraxio

O buque venezolano 'Canaima', onde viaxaba o biólogo Faustino Riveiro (na imaxe pequena). [Fotos: Vessel Finder | Cedida]
O biólogo de pais galegos Faustino Riveiro, que ía a bordo do barco afundido, está en paradoiro descoñecido tras o accidente entre un buque venezolano e outro tamén galego.

Tráxico accidente marítimo en augas ecuatorianas. O atuneiro galego Ría de Aldán, comprado o pasado ano pola compañía Wofco, con sede en Redondela, viuse implicado nun accidente marítimo a 240 millas de Illa San Cristóbal, en Galápagos (Ecuador), con outro buque de bandeira venezolana, o Canaima, que terminou afundindo como consecuencia do sinistro.

Un biólogo de 53 anos galego-venezolano, Faustino Riveiro —segundo puido confirmar Nós Diario—, que ía a bordo deste barco, está en paradoiro descoñecido, mentres o resto da tripulación puido ser rescatado e posto a salvo. O pai do biólogo desaparecido, vigués, e a súa nai, coruñesa, migraron o século pasado a Caracas, onde se coñeceron.

Ao coñecer o ocorrido, a Armada do Ecuador activou o Plan de Busca e Rescate e enviou unha lancha dos Gardacostas, a San Cristóbal, para procurar dar con el e prestar apoio ante esta emerxencia no Pacífico. Tamén pediu a todas as unidades próximas ao lugar do accidente que se sumasen á procura.

O Ría de Aldán, segundo a información ofrecida pola Armada ecuatoriana, ten unha pequena fisura na proa, se ben "non representa perigo" para a tripulación nin para a propia embarcación, sinalou o representante do barco. Trátase dun atuneiro de 90 metros de eslora que comprou en 2023 Wofco, unha pesqueira con sede en Vigo, e que opera en augas do Océano Pacífico.

A familia de Faustino Riveiro segue con preocupación as noticias que chegan desde Ecuador agardando que o biólogo apareza o antes posíbel e que se aclaren as causas do accidente e o motivo polo que este tripulante é o único desaparecido. Lamentan que a única información que teñen até o momento é a que reciben de compañeiros de Riveiro, mais nada, polo de agora, de fontes oficiais.