A Xunta e o Estado desbotan as reclamacións de fibra en Gondomar por estar escritas en galego

Protesta da plataforma Gondomar Fibra XA! para exixir a mellora da conexión. (Foto: Nós Diario)
As Administracións definen como "defecto" que a veciñanza empegase o galego nas súas queixas, e avisa de que só as atenderán se o cambian nun prazo de dez días. 

A plataforma Gondomar Fibra XA! denunciou o pasado 4 de febeiro que tanto o Goberno español como a Xunta da Galiza desbotaron as reclamacións dunha parte da veciñanza do concello para que lles instalen fibra por estar escritas en galego.

Nun comunicado, explica que trasladou as queixas conxuntas de varios veciños contra as empresas operadoras deste servizo ao Instituto Galego de Consumo, dependente do Goberno galego. 

O Instituto Galego de Consumo respondeu á plataforma que non é unha competencia da Xunta, e, "sen previa consulta", derivounas á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, quen rexeitou os escritos por estar en galego.

Gondomar Fibra XA! critica que a Administración estatal está a remitir un escrito a cada unha das persoas que presentaron as reclamacións informándolles de que só atendería as queixas se corrixen o "defecto" da lingua empregada nun prazo de dez días.

Servizo "disfuncional"

A plataforma lamenta que tanto a Xunta como o Estado se acollan a escusa "burocráticas" para non solucionar o servizo "disfuncional" ao que se ve resignada a veciñanza afectada.

Tamén acusa ás adminsitracións de permitir que "Movistar incumpra o contrato millonario para o despregamento da fibra óptica en boa parte do concello, comprometido co Estado para estar rematado antes de 2022".

No seu comunicado, Gondomar Fibra XA! pide que "se poña freo aos abusos das compañías operadoras que non cumpren o estipulado e cobran por prestacións, nomeadamente a velocidade de conexión, que non ofrecen".

O colectivo xa lle trasladou a toda a veciñanza que actuará como representante dos seus intereses para levar a cabo os trámites necesarios e que a Xunta e o Estado expliquen porque se desbotaron estas reclamacións polo simple feito de estar en galego, ademais de buscar unha solución para estes problemas de conexión.