A taxa de positividade da Coruña, Ourense e Ferrol segue por riba de 5%

O descenso de contaxios non se deixa notar nas UCI

Toma de mostra para a realización do test de antíxenos na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Segundo a última actualización de datos da Covid-19 facilitada pola Consellaría de Sanidade, con información recollida até as 18 horas do sábado, os servizos sanitarios detectaron até 419 contaxios nas últimas 24 horas.

O número de casos activos volveu experimentar un descenso, segundo comunica o Sergas (Servizo Galego de Saúde), desta vez superior ao milleiro, é deixa a cifra global en 13.745 casos activos, 6.000 menos que hai unha semana, e dá lugar a uns niveis de contaxio semellantes aos anteriores á terceira vaga, máis o número de pacientes ingresados na UCI (Unidade de Coidados Intensivos), volve aumentar en catro persoas situándose nos 222.

A cifra de falecementos tamén aumenta, sendo de 6 falecidos máis que os notificados onte.

Do total de contaxios descubertos, 419 persoas, 387 foron por positivo en proba PCR, 4,7% de 8.095 test diagnósticos practicados, 108 menos que na xornada anterior. Así, Galiza baixa ao limiar de 5% de taxa de positividade en PCR, estabelecido pola OMS (Organización Mundial da Saúde). De feito, nas últimas horas catro do sete áreas sanitarias arroxaron unha taxa inferior a ese 5%, que só superaron A Coruña (7,2%), Ferrol (6,5%) e Ourense (5,3%).

O descenso no número de positivos por PCR encádrase nun contexto de diminución do número de test practicados. Hai unha semana, cando se detectaron 819 positivos por PCR, leváronse a cabo case 12.000 probas, mentres nas últimas 24 horas se realizaron 8.905, 108 menos que o día anterior.

Máis como dixemos, o descenso nos contaxios aínda non se deixa notar nas unidades de críticos dos hospitais, que continúan en máximos da pandemia. Logo de rexistrarse unha baixada de 10 pacientes nas cifras do sábado, 24 horas despois volve darse unha suba até os 222, catro pacientes máis.

Nas unidades de hospitalización convencionais rexístranse catro ingresados menos respecto ao día anterior, o que deixa o global en 997 e por primeira vez, nas últimas semanas, báixase do milleiro de pacientes.

A área da Coruña-Cee segue a ser a máis afectada e, xunto coa de Compostela Barbanza, empeora as súas cifras de hospitalizados respecto do sábado. Sanidade informa de 276, seis máis, pacientes ingresados na área coruñesa, 76 deles na UCI, tres máis.

A área de Compostela-Barbanza atende a 137 pacientes de Covid-19, un máis que o sábado, e ten 35 en UCI, un menos.

Na área de Vigo o total de hospitalizados baixa nun e sitúase en 140 (-1), dos que 25 están en coidados intensivos. En Ferrol baixa o cómputo total a 134, dous menos, 26 en críticos, con dous máis; mentres que en Ourense hai 121 pacientes ingresados, catro menos, e 13 deles están en críticos.

En Pontevedra diminúe até os 101 ingresados, cunha baixa de tres, dos que 21 están na UCI; e na área de Lugo notifícanse 88 ingresados e 22 deles en coidados intensivos.

Nas residencias

A situación das residencias mellora, baixando en 57 pacientes as persoas maiores afectadas por Covid-19, situándose en 193 persoas enfermas; a cifra de persoal traballador nas residencias de maiores e de discapacidades sitúase en 106, 13 persoas menos que as rexistradas onte; e entre as persoas con discapacidades hai 10 enfermas menos que onte, quedando a cifra en 30.