Descobren unhas posíbeis pinturas rupestres en Baleira

Imaxes das pinturas rupestres da Cova da Fontaneira. Mariña Patrimonio

Membros da asociación cultural Mariña Patrimonio puxeron en coñecemento da área de patrimonio da Xunta de Galiza a posíbel existencia dunhas pinturas rupestres na cova da Fontaneira no Concello de Baleira. 

Membros da asociación cultural Mariña Patrimonio, colectivo que se ten caracterizado nos últimos anos pola súa defensa do patrimonio e a descuberta de importantes achádegos arqueolóxicos no norte de Lugo, puxeron en coñecemento da área de patrimonio da Xunta de Galiza vai para preto dun mes a posíbel existencia dunhas pinturas rupestres na cova da Fontaneira no Concello de Baleira. O colectivo mariñán soubo da existencia deste xacemento por veciños da zona, porén acudiron á cova acompañados por diversos arqueólogos con coñecementos en pinturas rupestres, entre eles o recoñecido especialista Fernando Carrera,  que con toda a prudencia coincidiron en sinalar o carácter prehistórico das mesmas. Ao tempo técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio desprazados á zona manifestáronse no mesmo sentido á espera dunha investigación máis fonda, agardándose que nos próximos días  se poida certificar con total seguridade a certeza  do atopado.

A opinión unánime expresada até o momento polos expertos e que se tratarían dunhas  pinturas de fai aproximadamente 5000 anos, respondendo pola súa forma, técnica e características ao que se coñece como arte esquemático.

A opinión unánime expresada até o momento polos expertos e que se tratarían dunhas  pinturas do Calcolítico, aproximadamente de fai 5000 anos, respondendo pola súa forma, técnica e características ao que se coñece como arte esquemático. Os debuxos aparecidos na Cova da Fontaneira semellan representar uns xebróns, isto é unha sorte de frechas circulares comúns a representacións artísticas do período, a súa cor é do característico ocre vermello  tratándose de pinturas planas e corresponden cun estilo figurativo. Precisamente é este o elemento máis definitorio, xa que no esquematismo só se representan os fragmentos básicos de cada figura, cunha representación tan básica que os elementos gráficos convértense en meros esbozos, pero sen perder os  trazos mínimos de identificación. A debida prudencia que un achadego deste tipo merece até que se remate a investigación non pode facer esquecer que os tres debuxos atopados até agora cumpren cos aspectos definitorios das pinturas rupestres neste período.

 

As evidencias sobre a autenticidade da descuberta vense reforzadas pola similitude destas pinturas con outras atopadas do mesmo período e pola súa proximidade a outros xacementos da época. Neste sentido Manuel Miranda, portavoz de Mariña Patrimonio e persoa que visitou a Cova da Fontaneira en compañía de diversos expertos, sinalou que “ a 50  quilómetros de distancia atopase uns debuxos semellantes, concretamente en Boal, nun espazo declarado Ben de Interese Cultural polo Principado de Asturias”. Xa que logo no caso de confirmarse a nova estaríamos diante das primeiras mostras de pintura esquemáticas da Galiza administrativa, posto que á marxe das existentes de Boal atopamos gravados semellantes no Bierzo e no norte de Portugal. Outro feito a ter en conta é que as pinturas da Fontaneira foron atopadas na entrada da cova, ficando outros 20 metros da mesma por explorar o que podería dar pe a novas descubertas.

No caso de confirmarse a nova estaríamos diante das primeiras mostras de pintura esquemáticas da Galiza administrativa da que si existen exemplos na área do Eo Navia, o Bierzo e o norte de Portugal.

Algúns estudosos como Manuel Miranda ou Xavier Moure, membro de Patrimonio dos Ancares, afirmaron que  as pinturas rupestres da Fontaneira, abrirían novas perspectivas para o estudo desta arte no país e para un mellor coñecemento do propio período histórico. Primeiramente porque son moi escasos os xacementos deste tipo en Galiza, de feito a día de hoxe só coñecemos exemplos semellantes na Cova de Eirós en Triacastela, iso si moito máis antigas pois estariamos falando duns gravados de fai 9000 anos. En segundo lugar polo feito de atoparse nunha área xeográfica distinta, o que fai pensar que noutras cavidades de carácter calizo tan numerosas nos concellos próximos de Fonsagrada ou Castroverde é posíbel que poidan aparecer máis restos análogos aos atopados en Baleira. E xa por último porque fixa novas posibilidades para o estudo do Calcolítico ou Idade de  Cobre en Galiza, momento no que se produce un grande medre na actividade agraria e gandeira, instalándose os grupos humanos nas medias ladeiras das montañas polas posibilidades que abrían para os novos modelos económicos.