Descobren tamén cámaras ocultas na sala de persoal do Hospital do Barbanza

Imaxe da CIG do dispositivo atopado

A empresa que xestiona o servizo de cafetaría, Armark, é a mesma que ten a concesión no Hospital Clínico, onde tamén se atoparon este tipo de dispositivos.

Após o Hospital Clínico de Santiago, o Hospital do Barbanza. CIG afirma que hai uns días a encargada de Aramark (empresa que ten a concesión da cafetería do Hospital do Barbanza e do Clínico de Santiago) foi vista desmantelando un circuíto de cámaras de videovixilancia do que os traballadores non tiñan constancia. Estes feitos producíronse o mesmo día que a delegada de persoal -a raíz da aparición de cámaras ocultas na cafetería do persoal do Hospital Clínico- se dirixiu por escrito ao xerente da empresa solicitando certificación dos dispositivos instalados, os lugares concretos onde están e se existe algún elemento de gravación de audio.

 

Aramark, lembra a CIG, comunicou en decembro do ano pasado a súa intención de poñer en funcionamento cámaras de seguridade no centro de traballo do Barbanza. Segundo a certificación da empresa encargada de instalar o sistema, prosegue o sindicato, na cafetería do Hospital hai tres cámaras de vídeo visíbeis e que cumpren coa normativa vixente. No escrito tamén se asegura que non existe ningún elemento técnico que permita a gravación de audio.

 

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, pregúntase a que vén desmontar o circuíto ás agochadas, o mesmo día que a delegada preguntou polas cámaras e xusto antes de recibir a certificación da empresa instaladora.  "Se as cámaras son legais, como se explica o proceder da encargada. Ou é que hai tres cámaras que cumpren a normativa e a maiores un sistema oculto do que non se informou aos traballadores/as?", cuestiona.