Ciencia e investigación

Así é a nova especie de esponxa mariña descuberta en augas galegas

Nova especie de esponxa mariña descuberta en augas da ría de Arousa por científicos do IEO e do GEMM de Ribeira. (Foto: Europa Press)
O nome elixido para esta especie foi 'Biemna begonae', en homenaxe a Begoña Pérez Dieste (1965-2021), entusiasta defensora do medio mariño e irmá dun dos coautores.

Un equipo científico do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM) de Ribeira vén de descubrir unha nova especie de esponxa mariña non catalogada até a data. A especie foi colleitada por primeira vez na ría de Arousa a 30 metros de profundidade mediante técnicas de mergullo. Trátase dunha especie pertencente ao xénero Biemna, do que só se describiu anteriormente unha especie en augas galegas e cinco en augas europeas.

"A morfoloxía da nova especie é de forma de coxín semiesférico con numerosas proxeccións tubulares que emerxen da base, terminan nos ósculos que conducen a auga ao exterior despois de ser filtrada e presentan unha cor xeral vermello burdeos ou crema", explicou Javier Cristobo, investigador do Centro Oceanográfico de Xixón e primeiro autor do traballo.

"O seu esqueleto característico está formado por espículas silíceas que son diferentes respecto doutras especies próximas", engadiu o científico. Os exemplares atopáronse entre 20 e 30 metros de profundidade, en fondos duros detríticos, principalmente en superficies rochosas horizontais cubertas por finas capas de sedimentos

 Os especímenes colleitados en xullo mostraron xemas reprodutivas ao longo das papilas. O nome elixido para esta especie foi Biemna begonae, en homenaxe a Begoña Pérez Dieste (1965-2021), entusiasta defensora do medio mariño e irmá dun dos coautores.

Este traballo foi posíbel grazas á colaboración do Instituto Español de Oceanografía, que a través do equipo de investigación ECOMARG estuda a biodiversidade bentónica na demarcación noratlántica a través varios proxectos de investigación, e a organización sen ánimo de lucro Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), creada en 2010 para mellorar o coñecemento sobre a fauna mariña das costas galegas.