Medio Ambiente

Descuberta esta nova especie invasora no encoro de Cecebre

O persoal investigador da UDC traballando no encoro de Cecebre. (Foto: UDC)
A 'Crassula helmsii' provoca danos en lagos e encoros, pode afectar á calidade da auga e tamén á flora e fauna nativas e, en xeral, aos ecosistemas naturais.

Os investigadores da Universidade da Coruña (UDC) Jaime Fagúndez, da área de Botánica; e María José Servia, da área de Zooloxía, veñen de descubrir, xunto cos tamén investigadores Anxo Balado, Eva Martínez Veiga e Miguel A. Fernández, unha nova especie invasora na Península Ibérica, da especie Crassula helmsii.

Segundo informaron a través dun comunicado remitido aos medios esta cuarta feira, a Crassula helmsii é unha planta acuática orixinaria de Nova Zelandia, utilizada en acuarioloxía e que supón un grave problema en países como as Illas Británicas e os Países Baixos.

A Crassula helmsii provoca danos en lagos e encoros, pode afectar á calidade da auga e tamén á flora e fauna nativas e, en xeral, aos ecosistemas naturais.

O persoal investigador atopou unha relación entre a presenza desta planta e o nitróxeno do solo e a riqueza de especies nativas. "A hipótese dunha relación directa entre outra especie invasora, o cangrexo americano, e a planta descuberta non se demostrou, pero podería existir un beneficio mutuo para as dúas especies que agrave o problema no encoro", explican desde a UDC.

Este estudo forma parte dun proxecto financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostíbel, coa colaboración da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo, e a Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa).