Desokupa formará 30.000 axentes de Policía en defensa persoal tras un acordo co SUP

Captura do vídeo publicado nas redes sociais de SUP. (Foto: Nós Diario)

Interior aclara que os cursos non son homologábeis nin contan con respaldo por parte da Dirección Xeral de Policía

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) e a empresa de desaloxos Desokupa asinaron este domingo un acordo de formación en defensa persoal para 30.000 axentes da Policía mediante un curso que impartirá a empresa de Daniel Esteve, informaron ambas as partes.

Segundo explicou Esteve nun vídeo publicado na rede social X, o 'club Desokupa' é un curso de formación de defensa persoal "moi real" que ensinará as e os axentes a defenderse. "Vai ser un curso de até 500 policías á vez con 18 formadores", explicou.

Pola súa banda, a secretaria xeral de SUP, Mónica Gracia, asegurou que se trata dun "momento histórico". "Temos un problema nas rúas. Hai unha violencia desmedida e a autoridade perdeuse. Os compañeiros están máis en risco e con isto queremos que sintan máis seguros", explicou.

A pesar de que o SUP asegurou que o curso será "homolagado e baremábel", fontes do Ministerio do Interior informaron de que se trata de cursos "non homologábeis nin baremábeis" e que tampouco contan "con ningún respaldo por parte da Dirección Xeral de Policía".

Así mesmo, explicaron que a formación no ámbito da Policía Nacional é impartida pola División de Formación e Perfeccionamento e o Centro Universitario.