Despregan a carón da fachada da catedral de Compostela unha faixa contra Altri

(Foto: Greenpeace)

A acción contou coa participación de escaladores de Greenpeace e o apoio de Ecoloxistas en Acción. 

Co lema “Altri Non”, escaladores de Greenpeace despregaron unha pancarta na balconada do museo da catedral de Santiago, fronte á sede do Pazo de Raxoi [onde o Goberno galego ten algunhas das súas dependencias], para pedir que se desbote o proxecto de construción da macrocelulosa que a multinacional Altri quere levar a cabo en Palas de Rei (A Ulloa). A acción foi apoiada tamén desde a praza do Obradoiro por activistas de Ecoloxistas en Acción. 

Con mensaxes como ‘Altri esnaquiza a Galiza’, as organizacións ecoloxistas denuncian os devastadores efectos que esta enorme fábrica tería nunha zona de elevado valor ambiental, económico e social e piden que non se destinen cartos públicos para a súa construción.

“A Xunta debe entender que a Galiza nin necesita nin quere unha nova celulosa que poña en perigo a nosa biodiversidade, a nosa auga, os nosos sectores primarios e a nosa cohesión social. Do mesmo xeito que o museo da Catedral garda pezas valiosísimas, o museo natural da Ulloa tamén alberga hábitats e especies exclusivas que non teñen prezo e unha sociedade rural que busca a harmonía coa contorna, non malvivir cunha industria contaminante de enclave. Pór os intereses económicos privados por riba do ben común non é propio dun goberno democrático”, declara desde a praza do Obradoiro Manoel Santos, coordinador de Greenpeace na Galiza.

A acción tamén quixo chamar a atención sobre as enormes dimensións que ten o proxecto de Altri, que afectaría unha superficie “dez veces maior que a de Ence en Lourizán. A macrofábrica inclúe ademais a construción dunha cheminea de 75 metros de altura, exactamente a mesma que teñen as torres da Catedral, para emitir enormes cantidades de substancias precursoras da choiva aceda como óxidos de xofre e nitróxeno”.

“Resulta insultante a cantidade de diñeiro público que Altri está a pedir para destruír A Ulloa e poñer en grave risco toda a conca do Ulla. Non só están a pór riba da mesa un proxecto altamente contaminante e lesivo co noso medio ambiente, é que aínda por riba queren que o paguemos todos e todas. É absolutamente inaceptábel”, declarou desde O Obradoiro Ana Freiría, portavoz de Ecoloxistas en Acción.

As organizacións ecoloxistas e veciñais chaman a toda a cidadanía a acudir á vindeira mobilización (convocada pola plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) que rodeará a sede da Xunta da galiza (San Caetano) en Compostela o vindeiro domingo 30 de xuño ás 12:00 para esixir de forma masiva "que se desbote o proxecto".

“A enorme oposición social que xerou o macroproxecto de Altri céntrase agora en tratar de impedir que a Xunta dea o visto e prace a unha solicitude de captación –e posterior vertedura– de auga da conca do Ulla, así como ao proceso de avaliación ambiental, que segundo a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, agárdase para principios de 2025", sinalan.

De igual xeito, organizacións ecoloxistas e veciñais traballan "para demostrar que o proxecto non cumpre en absoluto co principio DNSH (Do Non Significant Harm, non causar un dano significativo), condicionante indispensábel para que a empresa poida recibir a enorme cantidade de fondos europeos –até 250 millóns de euros– aos que parece aspirar”.