A destrución de patrimonio arqueolóxico en Galiza a mans da industria do eucalipto chega a Bruxelas

Representantes de Mariña Patrimonio expuxeron na capital comunitaria a representantes da comisión europea de Cultura a situación de “destrución sistemática” que se está a dar nos bens patrimoniais na comarca. Acusan a Xunta de “complicidade”. 

Mariña Patrimonio denunciou en Bruxelas o que cualifica de “destrución sistemática” de patrimonio arqueolóxico, unha situación que ten entre os seus responsábeis, afirman, “os intereses económicos da industria do eucalipto”. Unha representación deste colectivo desprazouse á capital comunitaria no marco da delegación de 65 persoas da cultura galega promovida pola eurodeputada Lidia Senra, de AGEe.

MP explicou a Macies Hoffman e Nicola Robinson, representantes da comisión europea da con competencias en cultura, a “crítica situación” que neste sentido se vive na Mariña e que non é exclusiva desta comarca, pois tamén se sofre noutras bisbarras galegas, como denuncian organizacións e asociacións protectoras do patrimonio.

Os representantes de Mariña Patrimonio entregaron un documento no que expresaba a súa preocupación por como “se vai destruíndo sistematicamente o patrimonio cultural, sobre todo o seu rico patrimonio arqueolóxico”. Sinalan como unha das “causas principais” desta práctica “os intereses económicos da industria do eucalipto,que convertiu esta comarca nun inmenso eucaliptal e que actúa con total impunidade,vulnerando sistematicamente as leis de protección do patrimonio”.

O papel da Xunta

Tamén se denunciou nesta comparecencia en Bruxelas a responsabilidade da administración galega. “Embora que “ten a obriga de velar polos nosos bens patrimoniais”, lembran desde Mariña Patrimonio, “é cómplice desta destrución ao permitirlle á industria do eucalipto que actúe con total liberdade, no canto de cumprir co seu deber legal de protexer os xacementos arqueolóxicos”.