Detectan 15 menores entre os 800 migrantes chegados á Galiza no verán

Migrantes procedentes de Mali á súa chegada ao Monte do Gozo, en Compostela, o pasado mes de xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A Xunta denuncia que o Goberno estatal afirmou que eran todos maiores de idade.

O Goberno galego fixo público na xornada de onte que detectou que entre os máis de 800 migrantes, supostamente todos adultos, chegados ao longo deste verán á Galiza, hai 15 menores de idade, segundo puideron determinar as valoracións pertinentes ás que foron sometidos á súa chegada. 

Ao respecto destas persoas -que xa están baixo a tutela da Xunta-, e segundo informaron desde a Consellería de Política Social, "a pesar de que o Goberno estatal garantiu en reiteradas ocasións que se trataba exclusivamente de adultos, as valoracións realizadas permitiron determinar oficialmente até o momento que 15 deles son menores de idade".

Nestes casos, o Gobenro galego "xa está a exercer oficialmente a tutela" sobre estes menores, que se incorporaron á Rede Autonómica de Protección, e que se suman aos 54 menores migrantes pactados para a Galiza nas dúas ultimas Conferencias Sectoriais.

Política Social, pese "á colaboración por parte da Delegacion do Goberno" en Galicia, lamentou "a falta de exactitude na información procedente por parte do Ministerio, un asunto que repercute negativamente en que se lles poida prestar a mellor atención a estas persoas", afirman.

O Estado destinará 35 millóns de euros

Pola súa parte, o Goberno estatal aprobou no Consello de Ministros de onte destinar 35 millóns de euros que derivará aos distintos territorios que o conforman para a acollida de 400 menores migrantes non acompañados e o traslado de 347 deles das Illas Canarias á Península, co obxectivo de facer fronte a gastos derivados da súa atención e coidados.