A Policía infíltrase nunha 'quedada' con máis de cen vehículos en Lugo e multa varios condutores

Operativo da Policía Local de Lugo. (Foto: Europa Press)
Presentáronse denuncias por condución neglixente, circular cun escape ineficaz, realizar no vehículo "unha reforma de importancia sen autorización", circular sen presentar a ITV no prazo debido ou conducir por zona peonil.

A Policía Local de Lugo tivo coñecemento a través de redes sociais dunha 'quedada' de vehículos no aparcadoiro da Universidade, próximo ao Pazo Provincial de Deportes, na que detectaron nada menos que arredor de 120 participantes. Do dispositivo policial, despregado o pasado sábado 23 de decembro, na véspera de Noiteboa, formaron parte varios efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local, con vehículos rotulados e camuflados que se infiltraron nesta 'quedada'.

Efectuáronse diferentes denuncias a varios condutores por condución neglixente, por circular cun escape ineficaz, por realizar no vehículo "unha reforma de importancia sen autorización", por circular sen presentar a ITV no prazo debido ou por circular por zona peonil.

Ademais, nas probas da alcolemia e drogas realizadas detectáronse tres resultados positivos. O primeiro, 0,46 mg/l; o segundo, 0,44 mg/l; e o terceiro, 0,36 mg/l. Todos eles foron sancionados con 500 euros de multa e a retirada de catro puntos do permiso de condución.

No transcurso deste dispositivo tamén se procedeu á localización de dous vehículos sobre os que pesaba mandato de busca e captura por embargo, sendo trasladados posteriormente ao depósito municipal. Aliás, sancionaron con 900 euros unha persoa que estaba a ouriñar na vía pública.

Outros controis

Por outra parte, durante a madrugada do 24 e 25 de decembro efectivos da Policía Local de Lugo estabeleceron diversos controis de alcoholemia e drogas en vías do centro urbano. Nun deles, na Praza da Milagrosa, os axentes detectaron un condutor que portaba na súa man un cigarro de haxix. Ademais, comprobouse que carecía de permiso por non obtelo nunca. Instruíronse dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de xuízo rápido, deixando inmobilizado o vehículo.

En Camiño Real, a Policía observou a circulación irregular dun vehículo. Neste caso, viron que o seu condutor presentaba signos de embriaguez, polo que foi sometido ás probas de detección de alcol, nas que demostrou un resultado positivo de 1,05 mg/l.

Así mesmo, na Avenida de Ramón Ferreiro os axentes deron o alto a un vehículo no que detectaron que o seu condutor se atopaba baixo os efectos de bebidas alcólicas. O resultado da proba de alcolemia foi de 0,79 mg/l.

Noutro control na Rolda das Fontiñas tamén se realizou un test de alcoholemia a un condutor que deu un resultado positivo de 0,77 mg/l. Do mesmo modo, outros dous condutores deron un resultado positivo en cocaína e THC en senllos controis na Rolda do Carmen e na Praza da Milagrosa.