Detectan restos de hidrocarburos na enseada da Pobra do Caramiñal

Unha muller fecha unha bolsa cos restos de chapapote recollidos nunha praia da iIlla de Arousa, o13 de decembro. (Foto: Europa Press)

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa pide ao Goberno do Estado e á Xunta información sobre a vertedura localizada a pasada terza feira na Illa

As inspeccións realizadas na mañá deste sábado por medios aéreos e acuáticos de Salvamento Marítimo na Ría de Arousa acharon restos de hidrocarburo na enseada da Pobra do Caramiñal aínda que, segundo informou a Dirección Xeral da Mariña Mercante nun comunicado, son "de escasa entidade".

En todo caso, confirmou que manteñen o operativo de emerxencia de forma preventiva, que permanece activo desde que a pasada terza feira se detectasen galletas de combustible na Illa de Arousa que proviñan do portacontedores WEC Vermeer, que verteu a seis millas das illas Ons uns 150 litros de fuel.

Este sábado o avión de Salvamento 'AS102' sobrevoou a ría de Arousa para a detección de contaminación mariña entre as 9,30 horas e as 10,30 horas. Ademais realizou unha segunda inspección entre as 12 e as 13 horas.

Así, no primeiro voo do AS102, destacou Capitanía, observouse na canle da Ría, entre a illa de Arousa e A Pobra do Caramiñal, "o que pareceu nun primeiro momento un achado superficial", pero que "na segunda pasada non puido confirmase desde o avión", polo que, "con alta probabilidade puido dispersarse de forma natural".

A pesar disto, si se confirmou como contaminación por hidrocarburo uns restos que chegaron á enseada de Caramiñal e que, segundo asegurou, "están a ser atacados con material absorbente desde as embarcacións auxiliares do María Pita e Sebastián de Ocampo para tratar de evitar que cheguen a terra".

Así, polo momento, e a pesar de que a contaminación detectada é "de escasa entidade", a Dirección Xeral confirmou que se mantén o operativo de forma preventiva.

 

 

Plataforma en Defensa da Ría

Así mesmo, a Plataforma en Defensa da Ría solicitou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana información sobreque medios aéreos e marítimos se activaron para este operativo, así como "información pormenorizada do uso que se fixo do sistema de oceanografía operacional de Portos do Estado.

Ademais, segundo trasladou nun comunicado, demandou información das imaxes de satélite achegadas polo servizo CleanSeaNet da Axencia Europea de Seguridade Marítima. Tamén dos "motivos dos erros na predición do sistema de oceanografía operacional" e do "fracaso na contención e extracción da vertedura no mar que evitaría a súa chegada á ría de Arousa".

A Plataforma pediu tamén que se faga pública unha auditoría sobre a xestión realizada na que se determinen "os fallos que provocaron que non funcionase a predición do comportamento da vertedura nin se fose capaz de retiralo do mar" e información das medidas que se van implementar para que "non se repita o sucedido".

Por último, nun escrito asinado polo presidente da Plataforma, Xaquín Rubido, solicitou información estatística desde 2007 do número de sentinazos observados e transmitidos en tempo real polas imaxes satelitarias do sistema CleanSeaNet nas costas galegas, número dos verificados e confirmados e número de buques sancionados administrativa ou penalmente polas autoridades marítimas españolas polos sentinazos, de acordo coa lexislación vixente.

A maiores, noutro escrito, a Plataforma estendeu estas demandas á Consellería do Mar, á que tamén lle pediu, entre outras cousas, "información dos succionadores específicos das características físicas da vertedura e barreiras que se utilizaron no operativo e se procedían do almacén de Tragove".

 

"Indignación e impotencia"

A Plataforma en Defensa da ría de Arousa sinalou que observa estes feitos "con indignación e impotencia" porque 20 anos despois do Prestige "non parece razoable que as administracións competentes non sexan capaces de atender un aviso por verteduras de hidrocarburos dun buque e retiralo do mar".

"Estamos a falar dunha alerta de vertedura dada polo propio buque, xa non queremos imaxinar o que pode estar a pasar con buques que realizan os sentinazos ás agachadas", lamentou.