JAIME MILLOR, VENEZUELANO RETIDO ESTA CUARTA FEIRA NO Sá CARNEIRO

‘’A detención de Heitor Naia é expresión dun conflito’’

Joam Peres e Jaime Millor

Jaime Millor leva meses documentando a ‘’vulneración de dereitos’’ dos presos independentistas para un “pronunciamento” do seu goberno ao respecto.

 

Jaime Millor foi retido esta cuarta feira no aeroporto Sá Carneiro - definiuno como ”o aeroporto onde máis galegos conflúen ao ano”- canda Heitor Naia Gil, sobre o que pesa unha condena da Audiencia Nacional de 11 anos de prisión. Naia Gil foi posto a disposición da xustiza portuguesa -condenouno a 1 ano de cadea por falsificación de pasaporte, documento que levaba para embarcar nun avión destino Caracas- e esta mesma sexta feira sóubose que o Tribunal de Porto decidira a súa extradición ao Estado español. Millor, como el mesmo afirma, foi retido “para un proceso de verificación documental” da súa identidade, após o que ficou libre sen cargos mais "sen o meu teléfono móbil, agardo que mo devolvan axiña". De volta na Galiza, este venezuelano fillo de emigrantes de Viveiro compareceu esta sexta feira perante os medios acompañado do organismo Ceivar.

O Tribunal de Porto acordou esta sexta feira a extradición de Heitor Naia ao Estado español

Millor reivindicou con “orgullo” a súa militancia en Alexis Vive, unha organización política que fai parte do Polo Patriótico, que ten representantes en organismos ministeriais, e que no albo do seu traballo está o avance popular pola "auto-organización en comunidades libres". Entre as tarefas desta organización está, explicou, a de “ser solidarios” cos movementos e loitas doutros países. Aí sinalou que están “documentando toda a información sobre calquera violación dos dereitos dos presos políticos galegos”. Un traballo que, proseguiu, abordan coa finalidade de a trasladar a Venezuela visando atinxir “un pronunciamento do goberno bolivariano” a este respecto. A preguntas dos xornalistas, Millor relatou que comezara con esta tarefa en abril de 2014 e que considera que pode levarlle entre 8 meses e un ano. “Non é un proceso sinxelo porque a maior parte da documentación provén do estado español”, se ben tamén a obteñen de organizacións como Esculca.

Vulneración de dereitos

Referiuse Jaime Millor a diversas institucións internacionais, citando a ONU, que teñen interpelado ao goberno español pola vulneración de dereitos, e afirmou que o “terrorismo” é “a palabra que usan aquí para criminalizar” e abrir a porta a “masificación da represión”, mentres que a ‘’verdadeira’’ violencia (en referencia aos responsábeis do desemprego, pobreza...) seguen, na súa opinión, impunes. Neste punto, este responsábel da Fundación Alexis Vive salientou: “A detención de Heitor Naia é a expresión dun conflito” que se “desenvolve na sociedade galega”. De como “a sociedade galega constrúe a súa propia alternativa” fronte un “Estado que lla nega”.

Excepcionalidade

De por parte, Joam Peres, de Ceivar, dixo que a condena de prisión ditada pola Audiencia Nacional contra Heitor Naia “fundaméntase” unicamente “nas declaracións” dunha persoa “que para acceder a beneficios penitenciarios declara contra terceiros”. A maiores, apontou, os danos causados pola acción que se lle atribúe a Naia elévanse a 11.007 euros. “E por iso pídenlle 11 anos de prisión”. De non ser pola "natureza política” da acción, dixo, a pena sería “sanción” e non "anos de cadea". Por iso, expresou a "comprensión humana e política" de Ceivar a que Heitor Naia "decidise burlar a acción da xustiza española".

Ceivar enfatizou o que cualificou de “réxime penitenciario de excepción” que sosteñen que se lle aplica aos presos independentistas. Dispersión, incomunicación nas detencións até un máximo de 10 días... “Nunca o Estado español foi quen de dar unha soa razón de por qué aplica a dispersión”, concluíu.