Detido un home acusado de provocar un incendio en Toques

Zona afectada por un incendio en Toques. (Foto: Garda Civil)
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Arzúa (comarca homónima).

A Garda Civil detivo un home que presuntamente provocou un incendio na parroquia de Irago de Arriba, no municipio de Toques (Terra de Melide), que xerou un foco principal e dous secundarios e afectou un predio con vivenda.

Segundo informou a Garda Civil, o incendio causou unha grande alarma entre a veciñanza, que xa estaba alerta debido a un incendio ocorrido catro días antes nunha masa arbórea a menos dun quilómetro dos focos do 16 agosto.

Así, o aviso deste incendio foi dado por un veciño da localidade, que permitiu á Garda Civil actuar de inmediato e deter o presunto autor, que levaba encima dous chisqueiros. Deste modo, instruíronse as dilixencias correspondentes por un presunto delito de incendio con risco para a vida e integridade física das persoas.

Ademais, a Garda Civil tomou declaración a testemuñas e realizaron unha reconstrución técnica do itinerario seguido polo presunto autor do incendio. Nesta reconstrución, identificou claramente os tres focos do incendio, separados por escasos metros.

Rede Natura

Cómpre destacar que os terreos afectados atópanse dentro da Zona de Especial Conservación Rede Natura 2000 Serra do Careón, un espazo protexido e próximo a vivendas. Pola súa parte, o detido foi posto ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Arzúa (comarca homónima).

A intervención dos medios de extinción, tanto aéreos como terrestres, impediu que o fogo se propagase con maior rapidez, a pesar das condicións climatolóxicas adversas, con altas temperaturas que dificultaban a súa extinción.