Detido en Lugo por agredir a súa parella e escondela nun canapé para que non a vise a Policía

Panorámica da cidade de Lugo. (Foto: Nós Diario)
A muller foi trasladada a un centro médico polas feridas, e o home, de 21 anos, detido á espera de pasar a disposición xudicial.

A Policía Local de Lugo vén de deter un mozo de 21 anos acusado de agredir a súa parella nunha vivenda da cidade e de escondela dentro dun canapé para evitar que a visen os axentes, que acudiron ao domicilio alertados polos veciños e veciñas.

Os feitos sucederon na tarde do pasado 19 de maio, cando a veciñanza dun edificio da zona sur alertaron de que escoitaban berros dun home nesa vivenda e o pranto desconsolado dunha muller, polo que consideraron que podía estar "en grave risco".

Á chegada dos axentes, o home negou os feitos e, aínda que admitiu que tiña parella, dixo que estaba só na vivenda. Con todo, durante a realización dunha inspección ao piso, os policías atoparon á muller dentro do canapé do dormitorio.

A muller, "en estado de nerviosismo", manifestou que mantivera unha discusión coa súa parella, "que ao ser moi nervioso berroulle moito e que nun momento dado 'fóronselle os brazos ao pescozo', causándolle lesións", dixo aos axentes.

A Policía solicitou a presenza dunha ambulancia do 061 para o seu traslado a un centro médico e procedeu á detención do home, de 21 anos, e o seu traslado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para o Xulgado correspondente.