Un home disfrázase da 'Patrulla Canina' para facer tocamentos a menores no San Froilán

Varias persoas nun posto de feira do San Froilán de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Axentes da Policía veñen de deter este home que aproveitou o seu disfrace para achegarse a crianzas que querían tomar unha foto con el e supostamente agredilos sexualmente.

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas un home de 34 anos de idade, con residencia en Madrid, como presunto autor dun delito de agresión sexual por realizar tocamentos sexuais a menores que se achegaban a el, que ía disfrazado dunha popular personaxe infantil, para facerse unha foto.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron este domingo, cando a Policía tivo coñecemento de que unha persoa, disfrazada dun dos personaxes da 'Patrulla Canina', o 'can policía', estaba a ofrecerse a fotografarse con crianzas. O sospeitoso aproveitaba ese contacto para realizar tocamentos aos menores.

Unha nai requiriu a intervención dunha patrulla da Unidade Territorial da Policía de Barrio, que estaba de servizo no recinto feiral de San Froilán, e informou os axentes de que esa persoa disfrazada realizara tocamentos, en até dúas ocasións, ás súas fillas menores.

Varias dotacións do 092 iniciaron a procura do sospeitoso, que foi localizado na rúa Doutor Portela de Lugo, e procederon á súa detención por un suposto delito de agresión sexual a menores.

Balance "positivo" do San Froilán

Á marxe deste incidente, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo antes de que transcedese o caso un balance "totalmente positivo" do San Froilán, unhas festas que serviron para "pór en valor" a cidade amurallada. En declaracións aos medios, a rexedora subliñou que o San Froilán inflúe de forma "moi positiva" na actividade económica de Lugo, un "revulsivo" que equipa a outras festas como o Arde Lucus ou o festival Caudal Fest.

Asegura que estas festas "axudan a que moitos negocios poidan finalizar o ano". O cartel do San Froilán contou nesta edición con máis de 200 actividades culturais e medio centenar de concertos gratuítos.

O septeto burgalés de folk-rock La M.O.D.A., o guitarrista cubano Eliades Ochoa (ex de Buena Vista Social Club), o músico galego Baiuca e o rapeiro e produtor musical Rayden son algúns dos nomes propios deste San Froilán.