Detido un mozo nas Neves logo de matar a súa nai cun coitelo

Praza do Concello das Neves (O Condado).
O Concello convocou un minuto de silencio este mediodía diante do consistorio.

A Garda Civil detivo nas últimas horas un mozo de 20 anos de idade como presunto autor da morte da súa nai, unha muller de 60 anos, no domicilio familiar das Neves (O Condado).

Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, os feitos ocorreron esta cuarta feira contra as 21.20 horas nunha vivenda da parroquia de Rubiós. Alí, este mozo acoitelou a súa nai á porta do domicilio, causándolle a morte. Logo encerrouse no seu cuarto.

Cando acudiron os axentes da Garda Civil procederon á súa detención e posterior traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que o presunto autor do homicidio presentaba algunhas lesións.

Minuto de silencio e loito

O Concello das Neves convocou un minuto de silencio este xoves ás 12.00 horas fronte ao consistorio. Ademias, está prevista unha reunión da Xunta de Portavoces para acordar a declaración de loito oficial no municipio.