Detido un profesor de taekwondo da Mariña por proferir insultos machistas, xenófobos e homófobos nas súas clases

Varias vítimas denunciaron o monitor de taekwondo, que impartía clases en Ribadeo e outros concellos da Mariña. (Foto: Nós Diario)
A investigación centrouse nos feitos denunciados polas e polos estudantes, que se remontan até o ano 2022.

A Garda Civil de Lugo detivo nas últimas horas un monitor de taekwondo como suposto autor dun delito de incitación ao odio, despois de que varias vítimas o denunciasen por, presuntamente, proferir diferentes comentarios de carácter xenófobo, machista e homófobo durante as súas clases, que impartía en Ribadeo e outros municipios da comarca da Mariña.

Segundo explican desde a Garda Civil a través dun comunicado de prensa, o detido realizaba comentarios humillantes cara a nenos e nenas con algunha discapacidade, cara á comunidade musulmá e cara as persoas do colectivo LGBTIQ+.

Así mesmo, o profesor emitía insultos de carácter machista, supostamente, contra as adolescentes que asistían ás formacións deportivas, así como referíndose á súa procedencia ou a dos seus proxenitores.

A investigación, que contou co impulso da fiscal delegada contra os delitos de odio e discriminación da provincia de Lugo, centrouse nos feitos denunciados polas e polos estudantes, que se remontan até o ano 2022.

Desde a Garda Civil salientan o carácter "multiétnico, multirracial e multicultural" da nosa sociedade e inciden en que é "importante" perfeccionar a xestión da diversidade desde diferentes prismas, como o "social, laboral, e por suposto o que afecta a seguridade, e polo tanto as forzas e corpos de seguridade".