Detido un terceiro mozo polo asasinato de Yoel Quispe na Coruña

Familiares e amizades despediron a Yoel esta cuarta feira no cemiterio coruñés de Feáns. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Os feitos ocorreron na madrugada do pasado domingo, día de Noiteboa.

A Policía Nacional detivo unha terceira persoa en relación ao apuñalamento mortal ocorrido na cidade da Coruña na pasada Noiteboa, segundo confirmou a Delegación do Goberno español.

No curso da investigación deste crime, no cal foi asasinado un mozo de 22 anos, producíronse ao longo desta semana tres detencións, as de tres mozos coruñeses aos que se lles atribúen distintos graos de implicación nos feitos. A investigación, con todo, continúa aberta.

Os feitos

Os feitos ocorreron na madrugada do pasado domingo, día de Noiteboa.

Ao redor das 6.35 horas, unha chamada a Emerxencias alertaba de que unha persoa fora apuñalada nas proximidades da rúa Juan Flórez da Coruña.

Ao lugar desprazáronse servizos de Urxencias Sanitarias 061 e efectivos da policía local e da nacional.

O mozo, de 22 anos, recibiu dúas puñaladas, unha no abdome e outra no corazón, que lle provocou a morte, durante unha pelexa.