Detidos dous adolescentes por agredir un veciño de Ferrol na súa propia casa

Concello de Ferrol. (Foto: Zarateman)

Teñen 16 e 15 anos e son os presuntos autores dunha brutal malleira despois de que o home lles chamase a atención por alborotar.

Axentes da Policía Nacional de Ferrol-Narón detiveron dous adolescentes, un home de 16 anos e unha moza de 15, acusados de agredir sobre as 7 horas do pasado 1 de setembro un veciño da rúa Magdalena de Ferrol, despois de que este os recriminase desde a súa xanela polo alboroto que causaban na vía pública.

Os arrestados foron trasladados esta sexta feira á comisaria da cidade naval en compañía dos seus pais e acudiu ás dependencias policiais un avogado. O seu apresamento foi posíbel tras un longo traballo de investigación e non se descarta que sexan detidos nas próximas horas outros mozos que supostamente tamén participarían na agresión.

Ao ser menores de idade deberá de ser a Fiscalía de menores, con sede na Coruña, a que faga cargo do caso.

En concreto, o incidente produciuse cando o home recriminou a unha cuadrilla, que regresaba dunha zona de lecer nocturno desa mesma rúa, o alboroto que estaban a realizar. Ademais, lanzoulles un vaso con auga que non lles chegou a alcanzar.

Tras iso, os mozos supostamente comezaron a ameazar o home desde a rúa, e acto seguido, romperon a patadas a parte de abaixo do portal, aproveitando para meter a man polo oco, abrir e subir ao relanzo.

Unha vez fronte a vivenda, comezaron a golpear a porta para que o seu morador lles abrise. Ante a insistencia e o temor a que tirasen abaixo a porta, o residente explicou que lles abriu co obxectivo de solicitarlles que depuxesen a súa actitude, algo ao que xa non tivo tempo, xa que se abalanzaron sobre el e comezaron a golpealo con contundencia, sobre todo na cara e na cabeza, resultando ferido e sendo logo trasladado a un centro sanitario.

Mentres, os agresores escaparon de inmediato da zona, de tal maneira que non foron localizados polos axentes da Policía Local de Ferrol e Policía Nacional que se presentaron no lugar, na rúa Magdalena.