Detidos dous mozos en Vigo por agredir en plena rúa as súas parellas, de 15 e 17 anos

Auto da Policía Local (Foto: Nós Diario)
Os agresores tiñan 20 e 23 anos.

A Policía Local de Vigo detivo esta pasada fin de semana a dous mozos tras agredir en plena rúa ás súas parellas, ambas as dúas menores de idade.

Tal como informou dito corpo de seguridade, o primeiro dos feitos tivo lugar na avenida de Beiramar, onde un condutor alertou de que un home estaba a bater unha muller na zona.

Unha vez no punto, os axentes localizarona moza chorando coa cara inflamada, a cal indicou que fora agredida pola súa ex parella. A escasos metros estaba o home, de 20 anos, que foi detido.

Con todo, foi trasladado a un centro sanitario debido a que se atopaba indisposto, manifestando que inxerira gran cantidade de tranquilizantes.

Pola súa parte, a moza de 15 anos tamén foi atendida polos servizos médicos no lugar e chamouse á familia, quen se fixo cargo da menor.

O segundo arresto produciuse na madrugada deste pasado domingo, sobre as 01.30 horas, na avenida de Balaídos. Alí, unha moza de 17 anos solicitou axuda despois de ser agredida pola súa parella na vía pública.

A muller manifestou que tivera unha discusión co home, J.F.R.F. de 23 anos, poñéndose el violento, chegando a empurrala e a tirala ao chan, propinándolle unha forte patada nas costas. A pesar de todo, logrou levantar e escapar. Ademais, indicou que non era a primeira vez que ocorría un episodio violento entre eles.

Así, os axentes localizaron o presunto autor dos feitos, procedendo á súa detención. A menor foi entregada á súa nai, que compareceu no lugar