Detonan en Lugo unha granada do ano 1932 localizada por un bañista no Miño

A granada localizada en Lugo (Foto: Policía Nacional).
O artefacto foi trasladado desde o lugar onde foi localizado ao interior dun parque, lugar que é acordoado, segundo estabelecen os protocolos de actuación.

A policía detonou en Lugo unha granada antiga, datada no ano 1932 e denominada 'Valero 50', aparecida no río Miño á altura do parque da Tolda, segundo informa o corpo policial.

O aviso recibiuno a Sala do 091, coa chamada dun bañista que indicou que  atopara un artefacto explosivo na beira do río Miño.

Ao lugar, desprazáronse indicativos policiais da Comisaría de Lugo, que verificaron que se trataba dunha granada nun estado de oxidación importante.

O artefacto foi trasladado desde o lugar onde foi localizado ao interior dun parque, lugar que é acordoado, segundo estabelecen os protocolos de actuación.

A detonación

Tamén acudiu a unidade TEDAX, cuxos especialistas, tras examinar o artefacto, determinan que, para evitar danos e perigos co traslado, debido ao estado de conservación do explosivo, é necesario detonalo no lugar.

"Por iso, tratándose dun espazo aberto e perfectamente acordoado, considerando o perigo nulo, a altas horas da madrugada os TEDAX proceden á súa detonación e destrución", explica o corpo policial.