Dez anos coa forza do Nunca Máis

Nunca máis revive para conmemorar, reivindicar e denunciar os 10 anos do Prestige

A bandeira galega de loito, moura como o chapapote, foi o símbolo dun pobo en pé de loita polo seu océano, mais tamén foi a insignia dun movemento social que demostrou a dignidade d@s galeg@s.

Dez anos despois da catástrofe ecolóxica do Prestige, a plataforma Nunca Máis volve á rúa para conmemorar ese espírito combativo que puxo Galiza no centro de todas as miradas. Xurxo Souto, membro de Nunca Máis, lembrou con Sermos Galiza as manifestacións promovidas hai dez anos pola plataforma, rúas cheas de dignidade que seguen a ser "un referente absoluto" nas mobilizacións sociais de hoxe contra a barbarie neoliberal, "neste momento de globalización reivindicamos o valor da cidadanía", dixo Souto.

A xestora de Nunca Máis decidiu saír de novo co gallo do décimo aniversario para "conmemorar ese espírito combativo", mais tamén para "reclamar xustiza", asegura Xurxo Souto, a poucos meses de comezar o xuízo. No banco de imputad@s atópase o goberno español, aínda que non todas as persoas responsábeis naquel momento, pois tan só José Luis López Sors, daquela director da Mariña Mercante, sentará no banco o día da vista oral. Moitos cargos do goberno de José María Aznar, entre eles o propio presidente Mariano Rajoy --daquela ministro do interior-- "teñen as mans manchadas de chapapote", di Souto. No entanto, Rafa Vilar, tamén membro da plataforma, asegura que para eles "foi moi importante que unha das persoas da cadea de mando, estea imputada", e non descartan que o decorrer da investigación e do xuízo, sente a máis responsábeis políticos no banco.

A plataforma Nunca Máis, denunciou desde o primeiro momento a responsabilidade política do goberno na deriva do Prestige. Rafa Vilar non dúbida en que  "converteu un accidente nunha catástrofe ecolóxica" ao agravar a situación por mor da falta de medios e dun plan de acción que minimizase as consecuencias do vertido.

Mais dez anos depois do acontecido, a plataforma denuncia un retroceso na prevención de catástrofes medioambientais como a do Prestige, o Urquiola ou o Mar Exeo, "semella que cada dez anos volve pasar o mesmo, e que comezou a conta atrás". Porén, estamos preparad@s para unha situación como a do Prestige? Rafa Vilar, asegura que no seu día e froito das mobilizacións sociais, "aumentaron algúns medios", porén, "o nivel de seguridade perante o risco non é total". "Falta un plan de continxencias, algo que reclamamos no seu día", asegura Vilar, "non están claros os portos ou os lugares de refuxio", tampouco así outros elementos de protección litoral; "hai algún medio máis, porén nunha pesa, non cubre o nivel de risco", aseveran membros da plataforma.
Asemade, Vilar considera que o principal problema é o proceso de privatización de salvamento marítimo, imposto pola Xunta de Galiza.

O patrimonio inmaterial de Nunca Máis
As masivas mobilizacións desenvolvidas no país e fóra das súas fronteiras (Madrid e Bruxelas) marcaron "un punto de inflexión", afirma Souto, que "engade ao patrimonio inmaterial d@s galeg@s un xeito propio de manifestarnos", con mobilizacións cargadas de "vida e creatividade". Para o músico, "ese foi o patrimonio traído de Nunca Máis", que demostrou como moreas de cidadás e cidadáns golpeaban o océano.
A plataforma prepara novas accións dentro dunha campaña de conmemoración, reivindicación e denuncia, mais non poden adiantalas. Porén,o espírito de Nunca Máis estará na rúa en cada mobilización social a prol da dignidade do pobo, contra o capital ou a inoperancia política, contra a contaminación e a prol do noso mar, contra as políticas neoliberais e o saqueo do pobo; na defensa dos nosos sectores produtivos ou polo dereito a un traballo digno e na terra.