Dez incendios arrasaron 480 hectáreas en só 15 días de abril en que non choveu

Zona queimada por un incendio en Crecente (A Paradanta). [Imaxe: Adrián Irago / Europa Press]
Nas dúas semanas de abril nas que non choveu na Galiza e subiron as temperaturas, rexistráronse dez incendios que queimaron perto de 500 hectáreas. Especialistas como o edafólogo do CSIC Serafín González alertan de que “a Galiza leva 35 anos apostando todo á extinción e non á prevención”. O resultado, sinala Diego Sánchez, responsábel de organización da área de Montes do Sindicato Labrego Galego (SLG), é que “queimamos moitos cartos na extinción sen haber unha política de fondo” que faga fincapé na prevención dun problema "que cada vez se adianta máis á época estival".
 

Os datos destes incendios de abril recadados por Nós Diario –solicitados oficialmente á Consellaría do Medio Rural sen resposta– reflicten que nas dúas semanas de seca de abril producíronse lumes en Crecente (A Paradanta), Entrimo (Baixa Limia), Oímbra (comarca de Verín), Guitiriz (A Terra Chá), Barreiros (A Mariña), Cabanas (Eume), A Fonsagrada (comarca homónima), A Caniza (A Paradanta), Rois (O Sar) e Cerdedo-Cotobade (entre Terra de Montes e a comarca de Pontevedra). En total arderon 480,94 hectáreas, todas –segundo as informacións facilitadas pola Xunta da Galiza en cada incendio– de monte arborado e raso.

Os fogos máis violentos foron os de Crecente, onde o lume arrasou 170 hectáreas, e o de Rois, que con 130 hectáreas queimadas foi o que máis medios de extinción empregou de todos os lumes de abril. En Pacios, na Fonsagrada, o lume queimou 65 hectáreas. 

En conversa con Nós Diario, o edafólogo e investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Serafín González afirma que “a explicación a esas cifras está precisamente nesas dúas semanas sen chover. A meirande parte dos incendios forestais na Galiza non son naturais, nove de cada dez son de orixe humana”. Este investigador da Misión Biolóxica da Galiza (MBG) explica que “as zonas dos incendios son fundamentalmente de montaña, posibelmente vencellados con queimas para pasto”. 

González identifica “dous picos de lumes no ano, un deles a finais do inverno e comezos da primavera e en condicións secas (como a metade deste mes de abril), e outro no verán”. Asegura este edafólogo que “na Galiza, en calquera época do ano, máis de dez días sen chover provocan xa risco de incendios". "En dúas semanas sen choiva estamos xa en risco moi alto e en tres temos xa enriba unha vaga de lumes”, engade. Fronte a isto, González critica que "a Galiza leva 35 anos apostando todo á extinción e nada á prevención, xestión e mantemento”.

Tres posíbeis actuacións

Desde o CSIC sinalan tres posíbeis actuacións para paliar o problema. Un deles son as queimas controladas, que xa teñen fallado, como aconteceu en Bande (Baixa Limia) hai uns anos. Lembra González que “prenderon lume a dez hectáreas de modo controlado pero escapou e arderon 500 hectáreas, polo que denunciaron a Xunta por danos e gañaron”. A outra alternativa son as rozas selectivas, e está a opción do “dente”, explica este edafólogo, “que é a gandaría en extensivo ben feita, que fixa poboación no rural, produce alimentos e non ten impactos negativos”. 

Hai unha década, lembra González en conversa con Nós Diario, “o CSIC ofreceulle á Xunta un sistema experto en predicir con moito éxito o perigo de incendios por parroquias”. Ofreceuse gratis porque xa estaba financiado con cartos públicos. “A Xunta só tiña que contratar cada ano unha persoa para ir actualizando os datos, pero nunca o quixo usar”. Tratábase dunha iniciativa do CSIC en colaboración coa Facultade de Física da USC.

Sen planificación forestal

Desde a Área de Montes do SLG, Diego Sánchez Agra afirma que, á vista destes episodios de incendios en abril, “hai unha cousa clara, hai que revisar a planificación forestal. A actual planificación o que provoca ao final é un grande abandono, non hai xestión do monte e ademais está cheo de especies que arden, como o eucalipto”.

Lembra o responsábel de Montes do sindicato que no Consello Forestal da Galiza “reclamamos unha mesa de diálogo e traballo sobre incendios, pero a Xunta só vén presentarnos cada ano o Pladiga, e normalmente cando xa o aprobou”. O pasado 26 de abril estaba convocado o Consello Forestal “pero foi adiado até maio polo cambio de titular en Medio Rural, explica Sánchez Agra.