Educación

O 11 de setembro comeza o curso escolar máis caro para as familias

Varios nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022. (Foto: Carlos Castro)
O Informe Europeo de Pagamentos do Consumidor de Intrum recollía esta semana que 3 de cada 4 familias galegas recoñecen que se endebedarán para comprar artigos para a escola dos seus fillos e fillas.

A Galiza quenta motores para o inicio do curso escolar, no que máis de 225.000 alumnos de todos os niveis volverán ás aulas e que estará marcado sobre todo pola suba dos prezos e o aumento do custo da vida, o que apunta a que será o "máis caro" para as familias.

Se setembro xa adoita marcar un momento complicado despois do verán para as familias con fillos en idade escolar, que deben realizar unha importante inversión ao regresar das vacacións, a inflación e o aumento doutros gastos dos pais fan que esta volta ao colexio sexa aínda máis complicada.

Neste sentido, o Informe Europeo de Pagamentos do Consumidor de Intrum recollía esta semana que 3 de cada 4 familias galegas recoñecen que se endebedarán para comprar artigos para a escola dos seus fillos e fillas. En concreto, o 76% afirma que utilizará préstamos ou anticipos de tarxetas para poder financiar estas compras.

Roupa nova, material escolar e libros de texto -que en xullo xa custaban case un 5% máis que o ano anterior- son os principais investimentos para as familias galegas que, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios, afrontarán un gasto medio de 500 euros por menor este ano, unha cifra que outras fontes, como o portal Kelisto.es, elevan por riba dos 700 euros.

A vicepresidenta da Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete, cualificou a situación de "angustiosa" para moitas familias, especialmente aquelas que deben recorrer ao crédito para cubrir estes gastos.

"Todos vemos a suba dos prezos cando imos a repostar ou cando imos ao supermercado. Pois se a iso se lle suma, unha familia con dous fillos por exemplo, que invista de 700 a 1.000 euros. na volta á escola... é bastante absurdo", denunciou.

Calvete explica que a Confederación prevé unha volta á escola "caótica", "como todos os anos", e "máis cara" que en anos anteriores. "Sospeitamos que será un golpe máis para as familias e o ensino público. O ensino público e gratuíto non pode custar o que custa. É un dereito constitucional", argumentou.

 

 

Máis de 225.000 escolares nas aulas

O día 11 todos os alumnos dos niveis educativos non universitarios volverán ás aulas de xeito simultáneo. Así, serán máis de 225.000 os escolares que vivirán na mesma xornada o seu primeiro día de clase do curso 2023/2024.

Segundo datos da Xunta, serán 127.567 alumnos de Infantil e Primaria -2.643 alumnos menos que o ano anterior-, 69.538 de ESO -960 máis- e 27.908 de Bacharelato -115 menos-, que se repartirán en casi 12.000 aulas por toda a Galiza.

En relación aos nenos e nenas que este ano comezan a escola por primeira vez -4º curso de Educación Infantil-, a Xunta recibiu arredor de 15.000 solicitudes de praza, para unha oferta de algo máis de 26.000 prazas. Isto supón, destaca a Consellaría de Educación, “que perto do 42% das prazas de novo ingreso ofertadas quedan libres”, facilitando á práctica totalidade dos pais a opción elegida.

 

 

No outro lado da balanza, tendo en conta os datos de matrícula, fecharán as súas portas, sempre segundo a Xunta, tres centros da Galiza: o CEIP Torrexallóns de Laxe, o CEIP de Posada Carcadía, en Padrón e a Escola de Educación Infantil Carnés de Vimianzo, que se movían este curso entre 1 e 4 matrículas.

A federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) denunciou, porén, que “en pleno verán, a Consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo”. Logo dun estudo rápido feito polo sindicato sobre a orde do 31 de xullo de 2023 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de educación infantil, educación primaria e educación especial publicada esta sexta feira, declaran os responsábeis de CIG-Ensino, “atopámonos con que a Consellaría suprime 60 unidades de educación infantil e primaria, que se traducen nun recorte de 89 prazas de infantil e primaria,

O PSdeG, pola súa parte, trasladou  nun comunicado que nas últimas semanas recibiron "protestas constantes" de pais e nais de alumnado, así como do profesorado dun “gran número de centros de ensino por toda a Galiza aos que lles está chegando a planificación de fronte ao novo curso escolar con recorte de aulas, unidades ou persoal educativo".

 

 

Case 65.000 con libro dixital

Do total do alumnado que cursará este ano na Galiza, 64.200 escolares pertencentes a 630 centros educativos cursarán estudos con libro electrónico dentro do programa E-Dixgal da Xunta, que incorpora 34 novos centros para este novo curso.

A maioría destes novos centros, un total de 24, incorporan o libro electrónico na etapa de Primaria, mentres que nove o fan na etapa da ESO. Un deles súmase ao mesmo tempo en ambas as etapas. Ademais, dous centros que xa tiñan o programa en Primaria incorpórano este curso, que vén en 1º da ESO.

Pola súa parte, o Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía, STEMbach, chegará este curso a uns 750 alumnos e alumnas, coa incorporación ao programa de cinco novos centros: os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios plurilingües CPR Miraflores (Ourense), Fogar (Mos) e Montecastelo (Vigo).

A Xunta de Galiza puxo en marcha esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e consolidouse até acadar as cifras actuais, con case un centenar de centros participantes.

A iniciativa, enmarcada en Edudixital 2030, busca o desenvolvemento de habilidades STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica.