Día da Candeloria, o acervo apropiado polo cristianismo
Aínda que sen a forza doutras datas, no calendario da cultura popular galega o Día da Candeloria ocupa un lugar preeminente, como proba o feito de ser protagonista de múltiples refráns que perviven na actualidade. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 332 de Sermos Galiza.
A festividade de Santa Bríxida celébrase o 1 de febreiro –un día antes que a Candeloria– e, segundo as antigas biografías, subliña o profesor, “protexe especialmente os rabaños de ovellas, o gando e as colleitas”, aínda que os seus atributos esténdense tamén a outro tipo de circunstancias e necesidades humanas: a fertilidade e a fecundidade, presentes na tradición do pobo que con máis intensidade conservou as diversas manifestacións do mito, Irlanda.
Neste caso, ademais, “tamén é moi significativo –apunta Alonso Romero– o feito de que a súa festividade coincida con Inbolc, a celebración céltica da chegada da primavera”. Bríxida, polo tanto, sería a santa máis querida en Irlanda e, prosegue o profesor, “todas as manifestacións tradicionais do seu culto están dalgún xeito relacionadas coa produción de alimentos e a protección da vivenda campesiña. A data elixida para a celebración da súa festividade está tamén conectada cos labores agrícolas da semente en primavera, cando comezan a diminuír os rigores do inverno e os días son xa claramente máis longos”.
Deste xeito explícase que ao se aproximar Santa Bríxida as labregas e labregos galegos e portugueses lle deran a volta a determinadas pedras para que deixase de chover e poder así traballar na labranza. “Tiña unha finalidade propiciatoria”, manifesta o autor, que se estende tamén ao mundo do mar, xa que “até mediados do século XX existía o costume de virar as tellas de determinadas ermidas costeiras para favorecer o rumbo das embarcacións ou mudar a dirección dos ventos”.
En toda Galiza, o día seguinte ao de Santa Bríxida, coñecido como das Candeas, “era considerado como un preludio da primavera; dicíase que nesa data casaban os paxaros e para os pescadores tamén marcaba o comezo da navegación de cabotaxe a vela, tras a longa espera invernal”, engade Alonso Romero.
[Podes ler a información íntegra no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]