Investigadora premiada pola Real Academia Galega de Ciencias

Diana Guallar: "A partir dunha célula da pel podemos obter outras con potencial para crear novos tecidos"

Diana Guallar. / Nós Diario
Dirixe xunto ao investigador Miguel Fidalgo o laboratorio responsábel de demostrar que as modificacións químicas nas moléculas de ARN (Ácido ribonucleico) son esenciais na reprogramación celular. Un estudo recollido na revista Cell Stem Cell, a máis prestixiosa no eido das células nai, e que tamén lle valeu o premio Ernesto Viéitez, na categoría sénior, outorgado pola RAGC (Real Academia Galega de Ciencias). 

Que significa este premio e cal é a importancia do descubrimento que fixo o seu equipo?
Para nós é unha honra que a RAGC elixira premiarnos, na categoría sénior, por este estudo publicado na revista Cell Stem Cell, a máis prestixiosa na materia de células nai. Este traballo liderámolo desde aquí, desde o CIMUS da USC e, polo tanto, é un orgullo e unha honra que se recoñeza a súa relevancia. O que descubrimos é que hai algo así como unha nova capa de regulación celular, e isto ábrelle portas a reexplorar o que xa se sabía no contexto da reprogramación celular. O Nobel xaponés Shinya Yamanaka fixo un descubrimento que tirou pola borda o dogma anterior, segundo o cal durante o desenvolvemento embrionario tes células do embrión que dan lugar a un individuo adulto, dunha maneira unidireccional. El demostrou que non, que tamén podes moverte na outra dirección e desde células adultas chegar a células embrionarias. Isto é importante polo potencial que teñen as células embrionarias para xerar calquera tipo doutras células do organismo, son o que chamamos pluripotentes e teñen grande importancia en materia rexenerativa. Nós usamos o descubrimento de Yamanaka e demostramos que se pode coller, por exemplo, unha célula da pel dun paciente e xerar ou producir células para o corazón, para a pel...

A que se refire, nunha explicación sinxela, a reprogramación celular? Cal é a súa aplicación práctica?
Consiste en obter células embrionarias a partir dunha adulta, é como reconfigurar esa célula adulta e darlle novas ordes. Normalmente, para estes estudos úsanse células da pel, ou tamén dos ouriños ou do sangue, reprográmanse para convertelas en embrionarias e, a partir de aí, tes células con potencial para crear calquera tecido do corpo humano: neuronas, células do corazón, da retina...

Cales son os seguintes pasos do seu estudo?
Esta é unha investigación básica, o que quere dicir que non estudamos unha enfermidade en concreto, pero o bonito é que os nosos achados poden aplicarse a múltiples modelos. No estudo usamos o modelo da reprogramación e atopamos resultados interesantes en contextos como o do cancro, por exemplo. Nese caso temos que ver se o noso estudo se pode trasladar a outros procesos, como pode ser o caso da metástase. 

Cal é a situación da investigación científica na Galiza? Animaría as nenas a entrar neste campo?  
Dentro de España creo que Galiza está bastante ben situada, a aposta institucional é boa, non é a mellor Comunidade pero non está mal. O que si creo é que hai que seguir apostando pola investigación, porque é riqueza, e hai que consolidar un modelo de I+D (Investigación e Desenvolvemento) e non tanto un modelo de ladrillo e turismo, ou non unicamente. En canto á cuestión feminina, sempre coincidín con moitas mulleres e moitas delas fixeron moi boa carreira, pero si é certo que conforme te achegas a posicións de responsabilidade hai menos presenza, por exemplo, agora eu liderando un laboratorio. Hai que concienciarse de que somos igual de válidas e que seguramente achegamos un punto diferente. E, por suposto, animo as nenas e as mozas que lles interese a ciencia, que non o pensen dúas veces, porque queda moito por facer e teñen moito que achegar.