Dimite o equipo directivo do IES de Poio polos “constantes agravios” da Consellaría

Alumnado e profesorado do IES de Poio, nunha protesta durante o pasado curso. (Foto: Nós Diario)

Houbo unha “falta constante de atención as demandas que se fixeron” desde o centro, sinalan.

O equipo directivo do IES de Poio (comarca de Pontevedra) presentou esta cuarta feira a súa dimisión en bloque ante a Dirección Xeral de RRHH, Dirección territorial de Pontevedra e Inspección Educativa.

Así o comunica a directiva a través dun comunicado no que explican que esta decisión estivo motivada  “polos constantes agravios que o centro sufriu durante o curso 2023-24, a falta constante de atención as demandas que se fixeron desde o mesmo e as decisións tomadas pola Administración nas últimas horas”.

Explican que durante o curso non se atendeu á petición de financiamento específica permanente para alugueres do Ciclo Medio que se imparte neste centro, até esta cuarta feira “cando sen previo aviso, recibimos unha notificación de ingreso por valor de case 14.000 euros que deben ser usados para pagar as instalacións do primeiro trimestre pero seguimos coa incerteza de se se poderá asumir o custo dos dous restantes. Así as cousas non podemos asinar os convenios que nos permitirían a correcta planificación do curso coas empresas”.

Afirman que “a gota que colmou o vaso” foi a retirada de dous docentes especialistas de dous módulos de ensinanza moi específica e de alto risco, como son manobras con cordas e itinerarios no medio natural, sen posibilidade de solicitalos co procedemento que se viña mantendo dende a implantación do ciclo, mediante comisión de servizo.

“Para máis agravio, a denegación das comisións foi comunicada de xeito casual a través dunha chamada do centro  ao servizo de persoal o día 30 de xullo cando as comisións foron solicitadas o 24 de xuño”.

A xustificación para a denegación destas comisións, afirman,  é que son prazas que se deben pedir a través do CADP, de maneira que estas prazas deben incluírse na petición das 11 vacantes provisionais que lle estaban concedidas ao centro”.

Así, “dos 11 profesores, 2 deben ser da especialidade de educación física co cal hai que refacer toda a petición de profesorado coas súas afíns así como os grupos de alumnado que estaban xa configurados”.

Desta maneira, conclúen, “tírase por terra todo  o traballo feito no mes de xullo e o descenso no número de profesores obriga a prescindir de moitas das medidas de atención a diversidade destinadas a atender o alumnado, fomentar o desenvolvemento das competencias deste e lograr unha mellor convivencia no centro”.

“Todo isto vai xerar un descenso notábel na calidade da ensinanza, no só para alumnado de ciclo que non contará con profesorado especialista en varios dos seus módulos, senón para o alumnado de todo o centro que terá que formarse en clases masificadas e sen a penas medidas de atención a diversidade, algo que o equipo directivo non está disposto a asumir baixo a súa responsabilidade”.