Disparidade nas cidades galegas para aforrar enerxía

Persoas camiñan pola muralla de Lugo (Foto: Europa Press).
En Lugo, a muralla ficará apagada a partir das 22 horas, mentres que en Compostela, a catedral permanecerá encendida.

As cidades galegas teñen previsto adoptar diferentes medidas de cara á entrada en vigor do decreto de aforro enerxético esta cuarta feira, 10 de agosto, cunha disparidade de actuacións. Así, a decisión de Lugo de apagar a partir dos 22 horas monumentos como a Muralla de Lugo contrasta co anuncio do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, de que se seguirá coa iluminación de edificios emblemáticos como a Catedral.

Limitar a 27 graos o uso do aire acondicionado no verán e a 19 graos a calefacción no inverno en edificios públicos, espazos comerciais e grandes almacéns, infraestruturas de transporte (aeroportos e estacións de tren e autobús), espazos culturais e hoteis, así como apagar as luces de escaparates e edificios públicos que estean desocupados a partir das 22 horas serán as primeiras medidas que entrarán en vigor esta cuarta feira.

Así figura no primeiro paquete de medidas de aforro e eficiencia enerxética aprobado polo Goberno do Estado español para reducir rapidamente o consumo de enerxía co obxectivo de cumprir cos compromisos europeos derivados de limitación do gasto enerxético, que terán vixencia até o 1 de novembro de 2023.

Entre as sete cidades galegas, Lugo anunciou que apagará a partir das 22 horas a iluminación ornamental de: Catedral, Muralla, fachada do Concello, Igrexa de San Froilán, fachada do cuartel de Garabolos, Ponte branca, pasarela fluvial, fachada do Pazo Municipal de Deportes, Viaduto da Chanca, rúa San Marcos, Praza Maior, restos arqueolóxicos de Campo Castelo e prazas de Ferrol e Quiroga Ballesteros.

En cambio, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que non se apagará a iluminación dos monumentos da cidade tras realizar unha consulta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o decreto de aforro enerxético. "A contestación oficial que temos é que a iluminación exterior dos monumentos non se terá que apagar", asegurou Bugallo. Tamén dixo que existe "certa preocupación" polo apagado de escaparates, xa que a "demanda" da cidadanía pasa por "máis iluminación".

Por parte do Concello da Coruña, asegúrase que se aplicarán todas as medidas nas instalacións municipais e colocaranse carteis informativos para lembrar as normas.

O Concello de Vigo anunciou que cumprirá o decreto do Goberno. O alcalde, Abel Caballero, puxo o foco en que a cidade xa conta cun plan de aforro enerxético, cun orzamento de 2 millóns de euros de recursos municipais para a substitución da iluminación tradicional por lámpadas LED.

Isto implicará un aforro "moi importante", polo que a iluminación LED pasará de representar 28% do total das luces de Vigo a supor 36%. "Iso supera a petición do Executivo estatal de aforro de 7% da enerxía", reivindicou o rexedor.

Así mesmo, destacou que o aceso e o apagado dos farois da urbe olívica está conectado co grao de intensidade luminosa e que, nas rúas máis iluminadas, a partir de certas horas da noite redúcese dita cantidade de lámpadas. "Todo isto seguímolo axustando e cada vez estámolo facendo de forma máis eficiente", engadiu o rexedor, que indicou que agora se vixía especialmente que as luces non queden acesas nos edificios públicos, entre outras cuestións.

A pasada segunda feira, a portavoz do Goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, informou de que os servizos técnicos estaban a estudar as medidas e a aplicación do decreto de aforro enerxético, así como o seu impacto na localidade.

Fontes do Concello de Ourense explicaron que están "a estudar" e "solicitando datos" durante a terza feira en relación co cumprimento do decreto.

Estas medidas só se refiren á iluminación ornamental de edificios, non teñen en conta a rede de iluminación pública co fin de garantir a seguridade en rúas.

A hostalaría sinala que o apagado non lle afecta

Pola súa parte, asociacións de hostaleiros galegas explicaron ás súas persoas asociadas que a medida de apagado a partir das 22 horas non afecta á hostalaría, senón que se trata para os escaparates de comercios.

Así mesmo, sinálase que cada local debe contar cun manual de prevención de riscos laborais no que figura a temperatura idónea para que as persoas traballadoras realicen o seu labor con seguridade.

E é que segundo lles trasladou o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza (Issga), na normativa de traballos lixeiros, como os que realiza o persoal da hostalaría, a temperatura debe estar entre os 14 e os 25 graos.

De cara ao futuro, as asociacións de hostalaría lembran aos estabelecementos que desde o 30 de setembro haberá que ter fechamentos automáticos nas portas de acceso para impedir que queden abertas permanentemente -por exemplo, un brazo de fechamento automático-.

Nos últimos días o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, arremeteu contra as medidas do Goberno para aforrar enerxía, ás que cualifica como "inconscientes e inconsecuentes".

"Como sempre, tócalle ao comercio as malas operacións que finalmente saen adiante", quéixase o empresario lucense. Seijas ten claro que estas restricións "non van influír" en economizar enerxía, "tanto o de apagar escaparates como o ter que modificar todo o que se refire aos novos sistemas nas portas".

Decreto

Desta maneira, os límites de temperatura estabelecidos aplicaranse ao interior dos estabelecementos habitábeis que estean acondicionados, situados nos edificios e locais destinados a uso administrativo (incluíndo plantas ou zonas de oficinas, vestíbulos xerais e zonas de uso público), comercial (tendas, supermercados, grandes almacéns, centros comerciais e similares) e cultural (teatros, cinemas, auditorios, centros de congresos, salas de exposicións e similares), así como en estabelecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas, restauración (bares, restaurantes e cafeterías) e transporte de persoas (estacións e aeroportos).

No entanto, a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, precisou que bares e restaurantes poden limitar o uso do aire acondicionado á "contorna dos 25 graos", tendo en conta as recomendacións da lexislación laboral, fronte aos 27 graos que contempla o real decreto.

Neste sentido, aclarou que os 27 graos aplicaranse "con flexibilidade" e puxo como exemplo que discotecas, cociñas e ximnasios necesitan unha temperatura distinta a outros espazos como unha libraría.