Varios colectivos piden a Cristina Narbona que non se financie con fondos públicos o proxecto de Altri

Imaxe da reunión dos colectivos con Narbona (Foto: Plataforma Ulloa Viva)
Narbona tamén é a presidenta do PSOE.

Representantes da plataforma Ulloa Viva, xunto con membros de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, reuníronse no Congreso con Cristina Narbona, presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica, para informala “sobre os graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macro fábrica de celulosa na comarca da Ulloa”.

Informaron neste encontro a Narbona do “nocivo” deste proxecto e pediron o seu apoio para que non se financie con cartos públicos. Lembraron que  a empresa “da man da Xunta da Galiza quere financiar o 25% do proxecto con cartos públicos, do PERTE da descarbonización.

“Piden 250 millóns de euros dos cartos de todos para unha industria contaminante, e queren ademais uns fondos que son precisamente para todo o contrario, con condicións claras na súa regulación de apostar por non danar o territorio, a economía circular, a protección da biodiversidade e da saúde”, indican.

A modo de exemplo informaron a Narbona que Altri "non inclúe no seu EIA a súa pegada de carbono, pero o propio CEO da empresa recoñeceu que serán máis de 100.000 toneladas de CO2 ao ano."

Pola Plataforma Ulloa Viva, asistiron a este encontro con Cristina Narbona a presidenta, Marta Gontá, e Adrián Gallero. A Plataforma trasladoul á presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica un completo dossier “cos incumprimentos que o proxecto de Altri en Palas de Rei fai tanto da normativa galega e estatal coma de ata sete Directivas Comunitarias”.

Tamén deixaron claro a Narbona os motivos polos que “a veciñanza das comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa se opoñen a esta macrocelulosa no corazón de Galizaa, ademais da oposición dos concellos que se abastecen do río Ulla até a ría de Arousa, onde tamén a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ten advertido que de levarse adiante este proxecto suporía o fin do marisqueo na zona e poría en perigo 19.000 empregos”.

Marta Gontá detallou a Narbona os datos oficiais publicados por Altri Greenalia no Diario Oficial da Galiza o pasado 4 de marzo, "o proxecto real que a Xunta está a tramitar. Nese proxecto Altri pide unha captación de 46 millóns de litros de auga diarios do embalse de Portodemouros para 75 anos, unha barbaridade nun escenario de cambio climático coma o actual. Os voceiros de Ulloa Viva agradeceron o interese e a dispoñibilidade, tanto de Narbona coma da voceira de Agricultura do PSOE, Patricia Otero, que tamén asistiu ao encontro".