Divisan 15 baleas comúns na contorna das illas Sisargas

Avistamento de baleas a oito millas de Sálvora, este agosto. (Foto: Cemma)
Coincidindo co proceso migratorio habitual destes cetáceos.

Un barco de Malpica (Bergantiños) rexistrou a pasada segunda feira un avistamento de 15 baleas perto das illas Sisargas. Segundo explicou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), puidéronse identificar estes exemplares coñecidos como baleas comúns.

O rorcual común (Balaenoptera physalus) é a balea máis frecuente nas costas galegas e a máis grande que existe despois da balea azul. Caracterízase pola súa aleta e por medir entre 24 e 25 metros de lonxitude, indicou o presidente da Cemma e veterinario, Xabier Pin.

"Todos os anos acostuman pasar nesta época do verán", como parte do proceso migratorio habitual destes cetáceos, subliñou Pin, que tamén esgrimiu que é "moi típico" velas en grupo mentres emigran, como aconteceu neste caso. Aínda así, explicou que en moitos destes avistamentos o que se ven son "só os chorros" que expulsan cando saen a respirar, o que fai difícil identificar as idades dos exemplares. 
Aínda que se detectaron diferentes tamaños entre as baleas que conforman o grupo, non se puido comprobar a presenza de cachorros.

Nesta liña, Pin advertiu de que nestes casos hai que ter en conta que os cachorros desta especie medran "moi rápido", polo que o concepto dun "animal pequeniño" non é realista se se ten en conta que poden medir 14 metros. Non obstante, indica que aínda que en moitos avistamentos "ves unha aleta, un sopro, pero non ves un animal completo", as diferenzas de tamaños suxiren que algúns cachorros tamén visitaron a costa galega. 

Tamén en Ons

Por outra parte, esta semana tamén se avistaron baleas en Ons (Bueu), neste caso dun tipo coñecida como rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata), outro destes cetáceos "que se ven practicamente todos os veráns", confirmou Pin.