División na Asociación Forestal da Galiza sobre Altri

Altri proxecta unha planta de pasta de papel en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. (Foto: Martin Schütz).

52% de socios apoian a factoría, pero 41% din que Palas de Rei non é o lugar adecuado para a súa instalación, por 34% aos que lle parece correcta.

Unha enquisa realizada pola Asociación Forestal da Galiza entre os seus socios sobre o proxecto de Altri na comarca da Ulloa lanza uns resultados divididos sobre a súa implantación: 52% apóiao e 40% rexéitao, mentres que o 7% di non ter opinión ao respecto diso.

Os resultados deste estudo feito pola Agrupación de Propietarios Forestais foron dados a coñecer no marco da asemblea anual que desenvolveron no balneario de Guitiriz.

En canto á localización da factoría proxectada pola multinacional portuguesa, 41% dos enquisados consideran que Palas de Rei non é o lugar adecuado para a súa instalación, a 34,2% parécelles correcta a localización e 24,8% non se pronuncia.

A Asociación Forestal de Galicia sinala que 76% dos enquisados son propietarios de eucaliptos nas súas propiedades, mentres que o 24% restante non traballa esta especie.

Para a entidade, os resultados da enquisa reflicten "a pluralidade de pensamento e a diversidade de opinións" dos seus socios, entre os que hai propietarios particulares como representantes de comunidades de montes.