O DEBATE | É E-Dixgal un sistema adecuado para o ensino?

Alumnado traballa na aula con cadanseu ordenador portátil no marco do programa E-Dixgal. (Foto: Xunta da Galiza).
E-Dixgal afecta case 70.000 estudantes entre 5º de primaria e 4º de ESO. Nos últimos meses diversos colectivos abriron un debate sobre a súa idoneidade para o ensino.

Antón García, elaborador de contidos dixitais

O debate sobre o modelo dixital nos colexios está máis vivo que nunca. Non é un debate que se cincunscribe a Galicia, senón que tamén existe no ámbito internacional naqueles países que tamén adoptaron este modelo para as aulas. O debate está vivo e hai que agradecer a quen o fai posible, ás nais e pais que lexitimamente expresan as súas dúbidas e inquedanzas a respecto deste sistema. Tamén ao profesorado, quen é, ao fin e ao cabo, está no día a día, ao igual que o alumnado, con esta ferramenta. E tamén agradecer ás administracións que toman nota de propostas, advertencias e preocupacións para seguir avanzando no modelo.

A forte repercusión e o rápido avance da sociedade da información e a incorporación de novas tecnoloxías supuxeron un novo panorama e novos desafíos para a educación e o ensino. Isto implica non só dispoñer de recursos para dixitalizar a escola, senón que vai máis aló e contempla un cambio importante, que implica expor novas miradas do sistema educativo, e por tanto involucra todos os membros da comunidade educativa, tanto docentes, nenos, nenas e adolescentes estudantes, pais e nais, ANPA, sindicatos, responsables educativos e organismos de administración pública relacionados coa innovación, a tecnoloxía e a educación.  O uso do soporte dixital nas aulas é ben necesario e creo ademais que é un paso adiante importante para avanzar no ensino. En Galicia E-Dixgal empezou a aplicarse hai xa unha década, no curso 2024-2025 e o número de centros de ensino que no actual curso traballan con el supera os 630. Son arredor de 70.000 alumnos e alumnas que aprenden e traballan con E-dixgal. 

Estamos  un mundo onde as novas tecnoloxías abranguen todos os ámbitos da nosa vida. Traballo, lecer, aprendizaxe. Ensino tamén, como en sanidade ou en transporte. Todo. O que se foi avanzando durante estes anos nestas novas tecnoloxías para que nos sexan máis últiles foi innegable, e do que se trata e de profundizar.

O modelo dixital é un recurso educativo de gran importancia nas aulas. Non só porque son máis flexibles tanto para o alumno como para o docente, que en moitas ocasións realiza as súas propios materiais e achegas, senón tamén porque axuda a desenvolver a competencia dixital de ambos os dous. De non ser isto así, o que debe procurar é avanzar e mellorar, non suprimilo.

O libro de texto clásico como recurso educativo responde a un uso dos contidos illado, sen contexto e que pode ser desmotivador para o alumno. Todo vai nunha dirección marcada, representando os contidos dunha maneira pechada, única e rutineira, cando o coñecemento nunca foi máis universal, aberto e veloz que na actualidade. 

A educación dixital facilita a interactividade e o acceso á información. Unha vantaxe que debería vir da man deste modelo é  que axudan ás persoas para ser máis autosuficientes e resolutivas e fomenta a interacción entre os alumnos e favorece o traballo en equipo. Unha boa planificación da dixitalización do ensino leva á vantaxe de que os alumnos e alumnas poden seguir ritmos distintos na súa aprendizaxe. Isto é posible grazas ao acceso a contidos adicionais ou a materiais de apoio dependendo das necesidades específicas de cada un. Tamén favorece o cambio de rol no escenario educativo, tanto do docente como do alumnado, o que é enriquecedor.

A dixitalización achega valor se é entendida como unha ferramenta que serve de andamio para a innovación educativa e que axuda a conectar a aprendizaxe do alumnado co mundo real no contexto no que vivimos. 


Isabel Calvete e Fernnado Lacaci (ANPAS Galegas)

Antes de falar de E-Dixgal temos que situalo no seu lugar; porque neste momento hai unha fonda confusión no discurso, que está a provocar unha identificación perversa: E-Dixgal non é o mesmo que educación dixital, nin é o mesmo que o uso de pantallas. E-Dixgal so é a concreta -e errónea ao noso entender- decisión da Consellaría de educación sobre como se debe levar á práctica un proceso modernizador do ensino galego, pero facendo o que case sempre fai esta consellaría: confundir os medios cos resultados ou, o que é aínda peor, considerar que a modernidade só é cuestión de maquillaxe e de estética.

Temos pantallas, ergo: somos modernas. Temos libros dixitais, ergo: temos formación dixital.

Pero a actualización do ensino non é iso, un ensino tecnoloxicamente actualizado é o que incorpora a tecnoloxía como unha máis das ferramentas útiles para a formación do estudantado, o que suma cada avance de medios, métodos e coñecemento, e o pon ao servizo da formación do profesorado -sempre hai que formar primeiro ao profesorado para que logo poidan desenvolver o seu traballo-, das familias e do propio estudantado.

E-Dixgal non son pantallas, ten que estar claro porque as familias galegas apostan claramente pola obtención dunha ampla e útil competencia dixital para as súas fillas e fillos, polo que non apostan é polo despropósito no que a consellaría de educación teima en someter á comunidade educativa a través dun programa que non responde a un proxecto, e que se revela máis ineficaz a cada paso que damos.

O que temos hoxe en día e unha pretensión de uso dun modelo que resulta ser pouco máis na practica que a dixitalización de contidos analóxicos, como se por ler nunha pantalla o que antes liamos nun papel xa estiveramos evolucionando.

Pero a realidade é moi poderosa á hora de colocar a cada quen no seu lugar; E-Dixgal montouse de costas ás familias, ao profesorado, por suposto ao alumnado - cando se vai ter en conta ao alumnado para tomar.decisións educativas?- e mesmo a sociedade. Non houbo debate previo, nin formación preparatoria para quen tería que utilizalo. Non houbo valoracións de efectos e resultados, permanentes e sistemáticas, que nos permitisen coñecer se estabamos no camiño correcto ou se estabamos perdendo o tempo e os cartos noutro proxecto oco.

E agora, cando a sociedade comeza a dicir que non, escoitamos como máximo argumento que quen usan E-Dixgal non teñen peores notas que o resto. Aviadas andariamos se así fose. Temos que nos alegrar de non empeorar. Igual as aspiracións da Consellería deberan ser un pouquiño máis ambiciosas.

E-Dixgal funciona mal porque non é un proxecto educativo completo e complexo, iso é evidente; e porque non nos pode levar a ningures porque non pretende ir a ningures. Funciona mal por iso pero tamén porque non implicou de base á comunidade educativa, porque é o resultado dun esquema erróneo, o de pensar que a educación se dá dende o poder para a infancia e a xuventude, no canto de pensar que educación, e a formación, e o ensino, que non son todo a mesma cousa, é unha tarefa conxunta onde, cada quen no seu rol, temos que participar todas.

Se E-Dixgal non funciona e non convence á comunidade educativa, haberá que facer todo o posible para que funcione, demasiada inversión en gasto público para permitir que sexa un fracaso.