Do 'coñazo' de Raxoi ao farol antiparacaidista: un repaso polos momentos máis irrisorios do 12 de outubro

O paracaidista impacta cun farol o 12 de outubro de 2019 (Foto: RTVE).
O 12 de outubro é coñecido por moitos nomes. Con todo, para as persoas que din sentirse ‘españolas’, nesta data celebran o 'Día da Hispanidade'. Unha data en que o Estado español conmemora o seu pasado colonial cun desfile militar que reúne as máximas autoridades políticas e a monarquía española.
  1. "Un coñazo lo del desfile"
  2. A 'Rojigualda' pero daquela maneira
  3. "Queremos ir a misa"
  4. Farol vs paracaidista

Día da Raza, da Resistencia indíxena, do Descubrimento de América, do Respecto á diversidade cultural, da Descolonización, da Liberación, da Interculturalidade, día Panamericano, do Encontro de dous mundos e, na Galiza, o Día dos Mártirtes de Nebra.

O 12 de outubro é coñecido por moitos nomes. Con todo, para as persoas que din sentirse ‘españolas’, nesta data celebran o 'Día da Hispanidade'. Unha data en que o Estado español conmemora o seu pasado colonial cun desfile militar que reúne as máximas autoridades políticas e a monarquía española.

Mais o 12 de outubro tamén ten sido fonte de momentos ben engrazados ao longo dos anos. Eis un pequeno repaso.

"Un coñazo lo del desfile"

Comezamos en 2008, o PP estaba presidido por Mariano Raxoi e o 11 de outubro encontrábase na Coruña nun acto do Partido Popular.

Nun momento de descoido, Raxoi, sen saber que tiña o micrófono aceso, pronunciou a famosa frase: “Mañá teño o ‘coñazo’ do desfile... En fin, un plan apasionante”.

As declaracións levantaron tanto po que Raxoi acabou facendo un comunicado pedindo desculpas. "Para aclarar calquera dúbida ou interpretación errónea, quero reiterar a miña coñecida postura de máximo respecto, cariño e apoio ás nosas Forzas Armadas, así como á celebración da Festa", indicou.

A 'Rojigualda' pero daquela maneira

2020, ano marcado pola pandemia e a españolidade sae á rúa polo seu gran día. O ceo despexado en Madrid era ideal para unha das tradicións do evento militar: pintar a ‘rojigualda’ no ceo.

Os avións C-101 da patrulla Águila, a unidade acrobática do Exército do Ar Español, sobrevoaron o Palacio Real durante o acto oficial co obxectivo de pintar unhas liñas coas cores da bandeira española.

Mais confundiron as cores e as raias que debían ser amarelas apareceron brancas. Ademais, o último avión tamén cometeu un erro e fixo unha franxa branca que debería ser vermella.

"Queremos ir a misa"

Hai moitas consignas que se berran nas manifestacións aos longo e largo do mundo. Poucas veces se tiña ouvido algunha do estilo que os seguidores de Francisco Franco soltaron no Val dos Caídos, agora chamado ‘Cuelgamuros’.

“Queremos ir a misa” berraban os franquistas mentres a Garda Civil, perplexa, lles cortaba o paso nun recinto que se encontraba fechado.

O grupo de extrema dereita quería entrar na igrexa. A Garda Civil, que se ocupa da seguridade do monumento, acabou expulsándoos, o que deixou imaxes de tensión.

Farol vs paracaidista

Talvez o incidente máis coñecido dos últimos anos. 12 de outubro de 2019, presente o rei español Felipe VI, que contemplou a escena con cara de circunstancia.

Un paracaidista coa bandeira de España descende velozmente para realizar unha aterraxe épica no chan madrileño, mais, para a mofa das redes, dito paracaidista encontrou no seu camiño un farol do que ficou pendurado.

As reaccións nas redes burlándose do incidente non tardaron en chegar e recuperarse cada ano.

O ano pasado, outro paracaidista volveu facer o ridículo. Camiñaba até o Paseo da Castellana de Madrid cando a bandeira española que levaba se enredou entre as súas pernas.

Durante uns segundos, a xente recordou o suceso de 2019. Finalmente, o paracaidista conseguiu estender de novo a bandeira e rematar a exhibición.